Berto dá unha pirueta musical e inventa a muiñeira reguetoneira

J. B. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

.

A metade do dúo Verto lanza «Absolución», sinxelo de adianto do seu próximo elepé en solitario 

31 may 2022 . Actualizado a las 13:31 h.

Entre os grupos de música tradicional que se achegan á electrónica e os artistas de pop que rebuscan nas raíces da música folklórica, a música galega asiste nos últimos anos a un constante suceder de formulacións insólitas. A última, nesta carreira cara aos xéneros imposibles, acábaa de publicar Berto, metade do dúo Verto. Con Absolución, o primeiro sinxelo do que será o seu próximo disco, titulado Dó. Volume 1, crea algo totalmente novo. A falta de nome, podería denominarse provisionalmente como a muiñeira reguetoneira.

A provocación non queda só no sonoro. A nivel estético, vai acompañada dun videoclip sorprendente e provocador a partes iguais, dirixido por Onion Cultural. Gravado no mosteiro de Carboeiro e nunha igrexa non acreditada, pódese ver nel unha particular mestura de bailarinas perreando con pandeireteiras, unha muller facendo de sacerdote e un Berto obnubilado atopando a conexión divina.

A xogada lembra ao Ateo de C Tangana con Nathy Peluso, gravado na catedral de Toledo e que provocou unha gran polémica. Neste caso o representante do músico sinala que todo foron facilidades e que non houbo ningún problema. Absolución é a primeira canción dunha serie de temas que se publicarán durante o verán como adiantos do futuro elepé.