Córgomo, Atenas agasalleira

CULTURA

28 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Córgomo foi o 17 de maio do presente ano a capital literaria de Galicia. Un martes, contra toda superstición, farturento. Ignoro que festas poéticas se celebraron, nesa data, noutras terras de España e de fóra, pero é moi difícil imaxinar un acontecemento literario co entusiasmo vivido nesta aldea de Vilamartín de Valdeorras. Alí, letrados e xente do común, nativos e foráneos converteron Córgomo, quizais, na capital literaria de Europa.

Poucas veces un poeta galego foi homenaxeado na súa comarca natal, na súa matria, co rigor académico e coa adhesión popular presentes na celebración literaria do 17 de maio en honra de Florencio Delgado Gurriarán, o poeta que, nesa data, retornaba do exilio para sempre. As mesmas autoridades políticas, tantas veces engueimadas polo protocolo oficial, non se subtraeron á animación da xente do común e da letrada, e o mesmo don Alfonso Rueda, que se estreaba como presidente da Xunta, cantou o himno galego con clara fonética pondaliana. Cantárono tamén, con conmovinte emoción, as tres fillas e dous netos que viñeron, desde México, a este recoñecemento: quizais máis cálido, intelectual e multitudinario do que sospeitaban. Na vella terra de Lázaro Cárdenas, o presidente mexicano que acolleu con tanta xenerosidade os nosos exiliados, os netos e as fillas do poeta valdeorrés, que, obviamente, non falan o galego, aínda saben o himno de Eduardo Pondal, un dos herdos daquel cidadán republicano e galeguista tan coherente.

Finalizado o acto académico, veciños de Córgomo abriron as súas casas para compartiren connosco o viño de Valdeorras, o viño que tan ben cantou, na Terra e no Exilio, o poeta: o viño, o pan e o compango da cordialidade. Mentres, nas rúas, soaban os cantos e a música, e nas conversas, entre grolo e grolo, oíanse versos significativos do admirado escritor valdeorrés. É o Córgomo que o poeta Florencio Delgado Gurriarán evocaba, desde México, saudoso, no ano 1963: «Meu Córgomo de Valdeorras / é bocarribeira crara. / Por Córgomo de Valdeorras / non anda a Santa Compaña, / porque o bon viño escorrenta / medos, trasnos e pantasmas».