Lino Braxe, premio de honra Marisa Soto a título póstumo nos galardóns de teatro María Casares

redacción LA VOZ

CULTURA

EduardoCastroBal

A Asociación de Actores de Galicia salientou o seu papel como «figura poliédrica da nosa escena en particular e da nosa cultura en xeral»

24 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación de Actores de Galicia (AAAG) vén de distinguir a título póstumo a Lino Braxe, un dos grandes impulsores dos premios María Casares, co galardón de honra Marisa Soto. O colectivo salientou o seu papel como «figura poliédrica da nosa escena en particular e da nosa cultura en xeral, que deixou ao longo da súa ampla carreira unha fonda pegada en varias xeracións da profesión teatral». O labor de Braxe incluíu diferentes vertentes do oficio escénico, xa que cultivou a interpretación, a dirección, a escrita, a adaptación, o teatro radiofónico ou o teatro de base. A AAAG lembra que «o xenio creativo do actor falecido a finais do 2020 estendeuse á poesía, sendo un dos integrantes do coñecido colectivo De amor e desamor; a narrativa, a pintura, a dobraxe, o audiovisual, a música e as ondas ao traballar como locutor en RNE durante máis dunha década». Nesta emisora, exerceu de adaptador da obra dramática de autores galegos como Blanco Amor ou Cunqueiro.

Con este galardón, os actores queren recoñecer a traxectoria e «celebrar a vida» de Braxe, e lembran que «foi membro do grupo de persoas que a mediados dos 90 impulsou os premios de teatro María Casares». «Foi el quen se encargou de contactar en varias ocasións para que a actriz afincada en Francia cedese finalmente o seu nome aos galardóns do noso teatro, que neste 2022 —ano en que se conmemora o centenario da intérprete— alcanzan a súa 26.ª edición», recordan.

Libro solidario

Precisamente onte, a poliédrica imaxe de Lino Braxe amosaba a súa faciana máis solidaria coa presentación dun libro póstumo en A Coruña. Sidi, unha viaxe cara á vida é unha emotiva historia chea de xenerosidade e entusiasmo, vivida en primeira persoa, que Lino escribiu desde o corazón», como explicaban dende a oenegué Tierra de Hombres, coa que o intérprete colaborou intensamente. Na presentación estiveron presentes Laura Rodríguez, directora de Ediciones Hércules; María Braxe, irmá de Lino e ilustradora do libro; e Xanina, a súa viúva. Os dereitos da obra, que se publica en galego e castelán, foron cedidos á Fundación Tierra de Hombres.