O CDG afronta a Shakespeare ligando catro pezas súas sobre a Roma clásica

Montse García Iglesias
Montse GArcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Os directores do CDG e da Agadic xunto a persoas implicadas nas novas producións da compañía.
Os directores do CDG e da Agadic xunto a persoas implicadas nas novas producións da compañía. Conchi Paz

Prepara tamén estreas sobre o deporte de elite e un texto de Xohana Torres

19 may 2022 . Actualizado a las 05:05 h.

O Centro Dramático Galego (CDG) volve a Shakespeare despois de 15 anos. Faino ensamblando nunha montaxe catro pezas do dramaturgo inglés sobre a Roma clásica: Coriolano, Xulio César, Antonio e Cleopatra e Tito Andrónico. Este espectáculo, Shakespeare en Roma, constituirá unha das tres producións propias para a súa tempada 2022-23. As outras son un espectáculo de carácter xornalístico-documental sobre a cara oculta do deporte, Recortes, caneos e outras formas de driblar, e a posta en escena dunha peza de Xohana Torres, Un hotel de primeira sobre o río. Para iso, a compañía activa este venres a contratación de 18 intérpretes coa publicación da convocatoria do proceso selectivo no Diario Oficial de Galicia.

Recortes, caneos e outras formas de driblar, baixo a dirección de Tito Asorey, será a primeira das producións en estrearse, no segundo semestre do ano. A peza supón un achegamento ao deporte de elite cun espectáculo creado a partir dunha investigación de Nacho Carretero sobre o fútbol. Trátase, segundo detalla a Xunta, dunha obra de carácter xornalístico-documental con adaptación e dramaturxia de Xosé L. Prieto na que se propón unha reflexión arredor do deporte profesional con diferentes historias que van alén do xogo. Tres intérpretes encargaranse de poñela en escena.

Shakespeare en Roma será o espectáculo que máis xente implica, non só sobre as táboas (oito artistas) senón tamén no goberno, posto que cada unha terá un director diferente, ao igual que na dramaturxia. Deste xeito, a dirección de Coriolano, asumiraa Rui Madeira, con dramaturxia de Vladimir Snegurchenko; a de Xulio César, María Barcala e Xulio Lago, con Ana Carreira de dramaturga; a de Antonio e Cleopatra, Sara Rey, con Ana Abad Larriva a cargo do texto; e a de Tito Andrónico, Quico Cadaval, con Lorena Conde. A montaxe que xungue catro pezas de Shakespeare quere achegarse ao lado invisible do poder, ademais de unir tres momentos da historia: o presente, o período Isabelino e a Roma clásica, a través da guerra, a violencia e a loita polo poder.

E dun clásico universal a un da literatura dramática galega: Un hotel sobre o río, una obra escrita por Xohana Torres e recoñecida co premio Castelao en 1968. A peza, codirixida por Gonçalo Guerreiro e María Torres, contará con sete intérpretes. Estruturada en tres actos, ocúpase da historia de Ruth, que vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico que pretende converter o espazo nun hotel con área recreativa.

Inversión de 600.000 euros

Con estes espectáculos, a compañía pública autonómica dirixida por Fran Núñez mantén a súa aposta pola pluralidade de estilos e formatos. A previsión é realizar 110 funcións, cun modelo de distribución diferente para cada montaxe co fin de chegar á maior cantidade de público posible e crear novas audiencias. Ademais, supón un investimento superior aos 600.000 euros. Deste xeito, segue a liña xa anticipada na tempada que acaba de rematar, na que tamén houbo distintas apostas, cunha das pezas con funcións unicamente na sede do CDG en Santiago e outras que percorren varios puntos de Galicia, como é o caso na actualidade de Ás oito da tarde, cando morren as nais.

Na selección dos intérpretes, a Xunta reseña que primarán aqueles con probada versatilidade e tendo en conta as traxectorias. Tamén seleccionarán algúns perfís transdisciplinares. O proceso consta dunha primeira fase de valoración dos perfís profesionais e, para quen supere esta, doutra de interpretación. Os aspirantes teñen dez días hábiles para presentar o formulario para participar.