20 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.
Cómpre insistir na biografía idiomática de Florencio Delgado Gurriarán, a máis peculiar, na miña opinión, do seu tempo. Por que? Daquela (fins do XIX e comezos do XX), os escritores galegos, nados, xeralmente, na mesocracia, escribían na vella lingua do país, na lingua das clases populares, pero falaban na casa (coa muller e cos fillos) en castelán, a lingua do seu estatus socioeconómico (avogados, profesores, funcionarios...). En realidade, as Irmandades da Fala foron unhas Irmandades da Escrita.
En que falaba, na aldea de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), o neno Florencio, nado en 1903, cando tiña catro, cinco, seis... anos? Cos rapaces da parroquia falaba, na eira e no turreiro, en galego, e na casa, no fogar, estrañamente, no mesmo idioma. Por que «estrañamante»? Porque o seu pai, ademais de ser algo rico (propietario de importantes viñedos), exercía a profesión de perito agrimensor, carreira que cursara na Universidad Central (Madrid). Así pois, a condición económica de don Florencio Delgado Prada, pai do neno Florencio, e o seu perfil profesional fan pensar que, na familia do futuro poeta, o idioma habitual sería o castelán. Non foi así. Cando Delgado Gurriarán foi entrevistado en México (ano 1979) pola investigadora Dolores Pla, esta sostén este diálogo co vello exiliado: «—¿Usted o su familia en qué idioma hablaban? —Pues nosotros hablábamos en gallego. —¿En el seno de la familia? —Sí».
Hoxe sábese ben que don Florencio Delgado Prada, perito agrimensor e rico propietario, non militaba na causa da galeguidade daquel tempo, o que converte o seu fogar, galegófono, nun caso filolóxico quizais insólito, un caso, de todos os xeitos, que esixe outros datos para explicalo con total claridade.