O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, escribiu na súa conta oficial de Twitter que o autor galego «fixo de Galicia un personaxe máis da súa novela fonda, negra, humana» para engadir: «Botarémolo moito de menos».
Tras unha visita ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quixo amosar a tristeza da a sociedade galega polo falecemento de Villar, a quen hai pouco «desexabamos a súa pronta recuperación, que por desgraza non puido ser». «Hoxe a cultura galega, as letras galegas e a sociedade galega perden un gran referente, polo que quería transmitirlle á súa familia o noso pésame e o pesar de Galicia toda», sinalou. A ese sentir sumáronse os titulares dos tres principais partidos galegos, PPdeG, BNG e PSdeG. Tamén a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que comentou que «as ondas do mar de Vigo seguirán arrolando o seu inesquecible recordo». Desde Nigrán, que formou parte da paisaxe das súas obras, como a praia de Panxón, chegaron as condolencias: «O Concello lamenta o falecemento do célebre escritor galego e traslada o seu cariño á familia, achegados e á súa comunidade de lectores. Grazas, Domingo, por elixir ao noso municipio como escenario imprescindible das túas novelas. D.E.P.».