As tres fillas americanas de Florencio Delgado Gurriarán: «Estamos notando el amor correspondido de papá por Galicia»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

CULTURA

Celia, Carmiña e Maruxa Delgado están estes días por Valdeorras.
Celia, Carmiña e Maruxa Delgado están estes días por Valdeorras. Lolita Vázquez

A RAG celebra este martes coa veciñanza de Córgomo ao poeta valdeorrés vital e comprometido

17 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Es la pura emoción de sacar lágrimas con frecuencia». Fala Maruxa Delgado, ante a mirada cómplice das súas irmás Celia e Carmiña sobre a súa estancia en Valdeorras. As tres viaxaron desde México e Estados Unidos con Roberto, fillo de Carmiña, e a súa muller, Sarah, para vivir o Día das Letras en honor ao seu pai, o poeta Florencio Delgado Gurriarán. É unha viaxe pensada para o reencontro co Córgomo natal do pai, a aldea de Vilamartín de Valdeorras da que sempre (no exilio) seguiu a falar.

«Ya en el 2004, la última vez que vine aquí, se hizo la casa del tío Manuel, que se convirtió en la casa del pueblo y se le puso el nombre de Florencio Delgado Gurriarán», recordaba Celia. Un cariño que agora ven multiplicado con todos os actos organizados co gallo do 17 de maio. «Ahora son puros amores correspondidos, porque igual que nosotros amamos Galicia y Córgomo por nuestro padre, recibimos el mismo reconocimiento por él. Estamos notando el amor correspondido de papá por Galicia», engadía Celia chea de ledicia.

As tres (Florencio tivo cinco fillos, mais os dous varóns e a súa viúva non puideron viaxar a Galicia desta volta) están agradecidas por todo o que se está a facer para espallar a figura do seu pai. E, sobre todo, por darlle ese carácter integral á súa figura, remarca Celia. «No solo se habla del poeta de la terriña, el río Farelos, las vides o las mozas galegas, sino también del padre de la loita galega, como él decía, de la lucha republicana y galleguista», apuntaba. Un tema, dixo, que estivo «tapado» moito tempo pero ao que agora se lle está dando luz coa figura do seu pai. Porque coas Letras de Florencio estase concedendo voz e visibilidade ao exilio mexicano de moitos galegos.

Maruxa quixo remarcar tamén o papel do seu pai como defensor da lingua. «El galego hay que hablarlo», dixo para recoñecer que ela non o fala, pero si o canta. De feito as tres irmáns cantan na nosa lingua, ao igual que todos os seus fillos (salvo a máis pequena, xa que era moi cativa cando faleceu o avó), porque Florencio tíñalles unha canción propia a cada un deles. Era a súa maneira de transmitirlles o amor pola lingua aos seus. E tamén houbo o camiño de volta porque as tres comprobaron en Córgomo como seu pai aproveitaba as cartas que enviaba a familiares e amigos, e as visitas, para espallar aquí a historia e a cultura mexicanas. E non faltaron tampouco as rancheiras.

Tempo hai estes días para a xuntanza coa ampla familia valdeorresa e para visitar os lugares da infancia do homenaxeado, con parada especial na que foi a casa familiar en Córgomo. Pouco máis queda dela que unha fachada que a duras penas se ten en pé (coroada polo escudo familiar), mais un mural do artista local Xandre pintado no oco da porta agora desaparecida recrea como era aquel patio interior dos xogos infantís do poeta. Un lugar que as tres irmás Delgado tamén visitaron e onde gozaron do acubillo dos veciños. «Nos han recibido con tanto amor y tanto cariño, con los brazos abiertos, los que son parientes y los que no lo son... Es muy emocionante ver todo lo que amaba nuestro padre y recordarle así, porque nos dejó un vacío muy grande», relataba Carmiña.

Nestes días tamén gozan das propostas artísticas xurdidas arredor de seu pai, desde recitais poéticos a camiñadas ou obras de teatro pasando por concertos. Coas emocións a flor de pel escoitaron como Sr. Jingles, o proxecto de Ramiro Núñez, pon música aos versos de Florencio. E non evitan falar de como se sentiría o protagonista de poder gozar do seu día. «Le daría otro ataque al corazón. Estaría conmovidísimo, emocionado y agradecido», respondía Carmiña. «Y lloraría, de felicidad, pero lloraría, porque era muy intenso, un hombre de emociones fuertes», apuntaba Maruxa en lembranza dun home presumido «al que le gustaba ir de punta en blanco, vestido con colores alegres y siempre perfumado».

A RAG celebra este martes coa veciñanza de Córgomo ao poeta vital e comprometido

O seu compromiso coa democracia custoulle o exilio. Na poesía tamén deixou constancia da súa loita antifranquista e satirizou sobre os prexuízos lingüísticos cando ninguén máis o facía, lembraba onte a Real Academia Galega. Pero Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), malia o que lle tocou vivir, foi sempre un home riseiro, como proban esoutros poemas seus nos que canta ao viño, á sensualidade e á alegría de vivir, en Galicia e en México. E ese espírito marcará o Día das Letras que a Academia lle dedica. A cita central será este martes en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), a súa vila natal, que será escenario do pleno extraordinario da RAG, aberto ao público. Comezará ás 12.30 horas na Aira dos Bolos de Córgomo —espazo cargado de simbolismo, lugar de encontro para xogaren aos birlos, como contou nos seus versos Florencio— e poderá seguirse en directo dende academia.gal e a canle de YouTube. Posteriormente, ás 14 horas, académicos e corgomeses compartirán polas rúas da aldea unha Florenciada, un encontro que será, como a el lle gustaría, unha celebración en comunidade.

Pero antes das actividades previstas en Córgomo, no veciño municipio do Barco, o teatro Lauro Olmo acolle a partir das once un acto solemne promovido pola Xunta e que inclúe un concerto de Roi Casal. E dende esa mesma hora, na praza do concello, a asociación Vagalume organiza un maratón de lectura.