Nestes días tamén gozan das propostas artísticas xurdidas arredor de seu pai, desde recitais poéticos a camiñadas ou obras de teatro pasando por concertos. Coas emocións a flor de pel escoitaron como Sr. Jingles, o proxecto de Ramiro Núñez, pon música aos versos de Florencio. E non evitan falar de como se sentiría o protagonista de poder gozar do seu día. «Le daría otro ataque al corazón. Estaría conmovidísimo, emocionado y agradecido», respondía Carmiña. «Y lloraría, de felicidad, pero lloraría, porque era muy intenso, un hombre de emociones fuertes», apuntaba Maruxa en lembranza dun home presumido «al que le gustaba ir de punta en blanco, vestido con colores alegres y siempre perfumado».
A RAG celebra este martes coa veciñanza de Córgomo ao poeta vital e comprometido
O seu compromiso coa democracia custoulle o exilio. Na poesía tamén deixou constancia da súa loita antifranquista e satirizou sobre os prexuízos lingüísticos cando ninguén máis o facía, lembraba onte a Real Academia Galega. Pero Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), malia o que lle tocou vivir, foi sempre un home riseiro, como proban esoutros poemas seus nos que canta ao viño, á sensualidade e á alegría de vivir, en Galicia e en México. E ese espírito marcará o Día das Letras que a Academia lle dedica. A cita central será este martes en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), a súa vila natal, que será escenario do pleno extraordinario da RAG, aberto ao público. Comezará ás 12.30 horas na Aira dos Bolos de Córgomo —espazo cargado de simbolismo, lugar de encontro para xogaren aos birlos, como contou nos seus versos Florencio— e poderá seguirse en directo dende academia.gal e a canle de YouTube. Posteriormente, ás 14 horas, académicos e corgomeses compartirán polas rúas da aldea unha Florenciada, un encontro que será, como a el lle gustaría, unha celebración en comunidade.