Gadis celebra o Día das Letras Galegas achegando á rúa os versos de autores ilustres

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Presentación da campaña de Gadis «Versos na rúa».
Presentación da campaña de Gadis «Versos na rúa».

A acción divulgativa abrangue trece vilas galegas, e pode seguirse nas redes sociais da empresa de distribución

13 may 2022 . Actualizado a las 15:17 h.

Dende abril, comezaron a aparecer versos escritos en 220 pasos de peóns, muros e fachadas de 50 edificios por toda a xeografía galega espertando a curiosidade dos veciños. Iso era o que perseguía esta intervención, da que este venres soubose que é Supermercados Gadis quen está detrás, nunha iniciativa que quere «poñer o foco na cultura galega sumando unha nova acción, ao fío do Día das Letras, a todas as que se levan a cabo ao longo do ano tanto nos puntos de venda, como nas campañas de publicidade e nas redes sociais». Como empresa 100% galega, lembra, o seu compromiso é firme e constante coa lingua e a literatura galegas. Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Xohana Torres, Uxío Novoneyra, Manuel Antonio, Lois Pereiro e Xosé Neira Vilas, oito autores de épocas diferentes e moi representativos da cultura do país, foron os escollidos para reproducir os seus textos no proxecto Versos na rúa.

O obxectivo da acción é que os cidadáns teñan a oportunidade de «disfrutar desta selección de pezas da literatura galega na súa vida cotiá». Entre os dez textos que se poden ler, atópanse o significativo «Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén», de Neira Vilas; «No xardín unha noite sentada, ó refrexo do branco luar», de Curros; «Os bos e xenerosos a nosa voz entenden», de Pondal; ou «Chove para que eu soñe...» de Novoneyra. Unha ruta polas letras galegas que se segue por 13 localidades: A Coruña, Lugo, Ourense, Betanzos, Carballiño, Foz, Muros, O Barco, Ordes, Ribeira, Sarria, Verín e Viveiro. Tamén é posible transitala dixitalmente a través do site gadisletrasgalegas.gal e nos perfís de redes sociais @versosnarua. As localizacións das pintadas están en https://bit.ly/versosruamapa.

Adhesivos vinílicos

O luns 16 de maio, todos os establecementos Gadis de Galicia regalarán, ata fin de existencias, 80.000 adhesivos vinílicos coa selección de versos que se reproduciron nas rúas para dar maior visibilidade e potenciar o coñecemento destes autores entre os miles de clientes da compañía nesta comunidade.

 

Homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán

Gadis tamén rende homenaxe ao autor a quen este ano se lle adica o Día das Letras Galegas repartindo na mesma data 30.000 marcapáxinas e 30.000 bolsas de papel reciclado cunha imaxe de Florencio Delgado Gurriarán.

 

Máis de dúas décadas apoiando a cultura en Galicia

O traballo de Gadis a prol da difusión da literatura galega é ininterrompido dende hai más de dúas décadas. Outro dos exemplos é a edición impresa de máis de 360.000 exemplares de obras literarias escritas por autores emerxentes e máis consagrados, dirixidas a diferentes públicos e de xéneros diversos co obxectivo de a que a máis ampla representación das letras galegas chegue á sociedade.