Drama. 75 minutos.
«Devolvendo o golpe», Aarón tiña un soño
por Miguel Anxo Fernández
Apréciase no filme Devolvendo o golpe que Carlos Prado coñece a historia do protagonista de primeira man —eran veciños— e que manexa con solvencia os resortes emocionais que motivaron ao despois boxeador marinense Aarón González a superar as graves secuelas do atropelo que sufriu con dez anos, e polo que a punto estivo de quedar sen pernas. Lémbrao a súa nai Rosa María, a que acendeu o motor da superación persoal a quen anos despois foi campión nacional de clubs no 2015, campión nacional absoluto no 2017, outra vez no 2021, e o que seguirá a sumar porque o ring e os guantes son xa o norte para Aarón. Imaxes espidas nunha obra apadriñada pola pequena produtora Trece Amarillo, comprometida co audiovisual propio. Trátase tamén de convidarnos a crer que os soños son posibles, á vez que a película ofrece un retrato da familia como soporte fundamental para acadar esa meta.
Carlos Prado, xornalista no ramo audiovisual, evita a urxencia da reportaxe —formato xornalístico, que non documental— e iso aporta valor engadido ás súas imaxes. Na ficción cinematográfica, o boxeo deixou personaxes de sona, como Rocky Balboa e agora Adonis Creed, pero o que nestes é trampa e cartón, aquí loce real. Apenas hai imaxes no ring, pese a que o fío condutor son as horas previas a un combate, cun intelixente uso do flashback, reforzado polos necesarios testemuños. Aarón vai escalando nunha vida que se lle torcía desde neno, coa nai a seu carón, e xunto a eles, o pai, o irmán e o colega adestrador. Arroupados con tomas sobre a vida cotiá, co interesante condicionante sociolóxico do bienio covid, que afectou o proxecto —vivible nos cambios de look— pero á súa vez fixo medrar o seu valor documental. E que desde hoxe, felizmente, Devolvendo o golpe poida verse en seis pantallas de Galicia semella outro chanzo de superación tal como anda o sector da exhibición cinematográfica.