A Real Academia Galega celebrará na Aira dos Bolos de Córgomo o pleno do Día das Letras Galegas 2022

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

EDUARDO PEREZ

Trátase duun lugar cargado de simbolismo na vida e na obra do autor homenaxeado, Florencio Delgado Gurriarán

11 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro martes 17 de maio a Real Academia Galega (RAG) celebrará a súa sesión extraordinaria e pública do Día das Letras Galegas en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), a vila natal de Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987). O acto desenvolverase na Aira dos Bolos, un lugar cargado de simbolismo na vida e na obra do autor homenaxeado, e consistirá en tres alocucións sobre o poeta a cargo da académica Rosario Álvarez Blanco e dos académicos Ramón Villares e Xesús Alonso Montero. Pechará o pleno o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes. As intervencións poderán seguirse dende academia.gal.

A celebración será unha festa aberta a toda a veciñanza nun espazo onde se adoitaba xogar aos birlos, unha tradición que Delgado Gurriarán inmortalizou nas páxinas de Galicia infinda (1963), nos versos «Os bolos ralban louxados, / a bola ralba penedos... / É que xogan, mau a mau, / o Severino i o Ferros», pertencentes ao poema titulado Córgomo de Valdeorras, que dedicou, xa dende o exilio en México, aos seus veciños. A Aira dos Bolos ten ademais como pano de fondo a actual Casa do Pobo, no seu día a tenda da aldea, rexentada polo seu tío Manuel.

O historiador Ramón Villares trazará un percorrido pola biografía de Florencio Delgado Gurriarán, cuxa figura encarna o activismo cultural desenvolvido polos galeguistas que fuxiron a México, tendendo sempre pontes co exilio interior. Na súa persoa, a RAG réndelle así homenaxe por primeira vez na gran festa das Letras Galegas á diáspora mexicana, da que formaron parte tamén o cineasta Carlos Velo, o editor Alexandre Finisterre, o profesor Luís Soto, o arquitecto Xosé Caridad Mateo, o escultor Uxío Souto, Ramiro Isla Couto, Elixio Rodríguez, Xermán Rañó, Carlos Tomé ou o pintor Arturo Souto. Todos foron nomeados polo propio Florencio Delgado Gurriarán no discurso que pronunciou ao ser recibido como académico correspondente da RAG, nun acto celebrado no Barco de Valdeorras en 1981. Esta intervención está dispoñible en academia.gal.