Valle-Inclán, hoxe

CULTURA

07 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

José Monleón foi o crítico que máis favoreceu á renovación do teatro español no século XX, en particular ó contribuír a abrirlle paso á obra do máis innovador dos dramaturgos modernos: don Ramón María del Valle-Inclán. Sucedeu isto en España hai uns sesenta anos, cando, en pleno franquismo, un grupo de intelectuais comezaron a turrar coa idea de recuperar unha liña de desenvolvemento cultural que viña de finais do século XIX, que quebrara coa Guerra Civil e que, tras as primeiras décadas do franquismo, parecía posible comezar a endereitar de novo coa obra de Valle medrando no ánimo cultural dunha nova xeración.

Era a etapa en que, despois da Guerra Civil, a obra modernista de Valle-Inclán volvía ser lida…, aínda que non sucedía o mesmo coa representación das súas obras teatrais, ameazadas de prohibición, sobre todo as esperpénticas. Porque Valle-Inclán, carlista na súa xuventude, tivera unha profunda evolución política, acorde cos cambios que observaba na España republicana na que vivira; mais todo isto se interrompeu coa súa morte en Santiago en xaneiro de 1936.

Tras a guerra, chegou o silencio dos canóns e, pola vía da represión, dos intelectuais antifranquistas. E tamén, xaora, o silencio do teatro de Valle, crítico, esperpéntico e xenial. Tivo que levalo á escena en Suecia Ingmar Bergman (1950) para que algúns comezasen a pensar aquí que algo cheiraba a morto na «nova cultura vixente». Lentamente, co empuxe de homes coma o empresario e director José Tamayo e o crítico Monleón, puido alzarse o pano para mostrar toda a grandeza de Divinas palabras, nunha versión coidada polo tamén galego Gonzalo Torrente Ballester, que soubo manter toda a agudeza crítica da obra. A partir de aí, chegou o renacemento integral do teatro de Valle-Inclán, en España e en Europa, co seu nome a carón dos de Brecht, Beckett e Ionesco.

Chegara así o momento grande do noso dramaturgo! E mesmo Orson Welles impulsou un proxecto (ó cabo, frustrado) para levar ó cine Divinas palabras. Mais todo iso quedou atrás. E hoxe topamos con outro silencio sobre o gran Valle, que parece esquecido, sobre todo polos galegos. Por isto se me ocorre preguntar: «Que eiva padecemos?». Deberiamos facérnolo mirar. Porque é algo inxusto e absurdo.