Antolín Faraldo, alma da revolución galega de 1846

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Antolín Faraldo Asorey (Betanzos, 1822-Granada, 1853).
Antolín Faraldo Asorey (Betanzos, 1822-Granada, 1853). RAG

O selo compostelán Alvarellos publica o ensaio «Querida liberdade. Vida e obra dun precursor do Rexurdimento», editado polo filólogo Xurxo Martínez González 

07 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Co gallo da inminente celebración —o próximo 2 de setembro— do bicentenario do nacemento de Antolín Faraldo Asorey (Betanzos, 1822-Granada, 1853), o filólogo Xurxo Martínez González (Coia, Vigo, 1984) publica un completo estudo sobre este personaxe, medio esquecido pero que foi «alma e mente» da revolución galega de 1846. Malia ao seu fracaso, a revolta, que concluíu traxicamente coa represión e o fusilamento de Solís e de once dos seus oficiais, os que hoxe se coñecen como os mártires de Carral, supuxo un fito histórico que sentou as bases do movemento galeguista en canto que se reivindicou pola primeira xeración rexionalista —no caso de Manuel Murguía foi incluso testemuña directa dos estertores últimos da batalla de Cacheiras—. O ensaio Querida liberdade. Vida e obra dun precursor do Rexurdimento, que edita o selo compostelán Alvarellos co apoio da Deputación da Coruña, rescata unha figura que ben pode terse como pioneiro, voz acreditada e líder desa xeración de provincialistas que son o primeiro chanzo no longo camiño cara ao autogoberno que desde tempos recentes Galicia ostenta. Porque alentando esta actitude insurxente estaba unha denuncia explícita da situación de desleixo na que se atopaba Galicia polas políticas e a xestión do Goberno central. «Verdades amargas murmuran nuestros labios sobre la situación y porvenir de Galicia y un grito de dolor exhala nuestro pecho, en que hierve el amor patrio, porque nuestro encanto es la desgraciada Galicia, a cuya felicidad hemos consagrado nuestros pobre talentos», escribe significativamente Faraldo en 1842 no periódico El Recreo Compostelano.

Pese a non haber triunfo ningún, o alzamento liberal —reforzado polo pronunciamento que protagonizou o exército en Galicia— foi un paso decisivo na lenta muda da realidade. Unha achega clave —da man de Faraldo— veu de poñer sobre a mesa debates, algúns moi innovadores, como o feminismo, o suicidio, a separación Igrexa-Estado, a conformación histórica da identidade, a idea de nación, a liberdade de opinión e o vangardismo literario, como reseña o editor.

O libro concibido por Martínez contén un amplo estudo —estruturado en apartados breves e con carácter divulgativo, introduce ao lector nunha vida e nunha época fascinantes— e unha antoloxía de 45 artigos de Faraldo.