As mulleres foron maioritarias nos 18 premios Follas Novas, das asociacións de librarías, editoras e escritores

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A entrega dos premios foi no Teatro Principal de Santiago
A entrega dos premios foi no Teatro Principal de Santiago Paco Rodríguez

Un libro de Manuel Rivas foi o único con dúas distincións. Tamén recibiron galardóns David Pintor, Yolanda Castaño, Diego Ameixeiras, Beatriz Busto, Eva Mejuto, Inés Vázquez, Carme Varela, Belén Regueira, María Alonso, Antonio Manuel Fraga, María Canosa e dous traballos colectivos

07 may 2022 . Actualizado a las 22:59 h.

A maioría dos 18 premios Follas Novas, concedidos polas asociacións de editoras, librarías e escritoras e escritores en lingua galega foron para mulleres. A entrega dos galardóns foi na tarde deste sábado no Teatro Principal de Santiago. Alén de dirixentes das tres entidades, participaron representacións da Xunta, Concello de Santiago e Deputación da Coruña, que apoian esta iniciativa.

A organización comunicou a decisións das 15 categorías, para as que había 3 finalistas. Manuel Rivas foi o único que gañou en dúas, na de poesía e libro mellor editado, polo volume O que fica fóra, publicado por Apiario..

En ensaio e investigación o galardón foi para Um país a la gallega. Galiza no No-Do franquista, da antropóloga Beatriz Busto. Este libro, editado por Através, foi o único concedido a un traballo reintegracionista.

En divulgación gañou María Canosa, con H2...OH!!! Pingas científicas, publicado por Galaxia. En narrativa, O cervo e a sombra, de Diego Ameixeiras, publicado por Xerais. En infantil, Neko, de Eva Mejuto, ilustrado por Bea Gregores e editado por Oqueleo. En xuvenil o recoñecemento foi para Santoamaro, de Antonio Manuel Fraga, da colección de Xerais. En teatro o texto escollido foi As desterradas, de Carme Varela.

O premio para o mellor libro ilustrado correspondeu ao titulado A Coruña, de David Pintor, editado por Kalandraka. Na categoría de banda deseñada, gráfico e humor o xurado escolleu Aldara. A lenda do cervo branco, de Inés Vázquez, publicado pola editora Demo.

O Follas Novas para a mellor iniciativa bibliográfica foi para a Colección Chave Mestra, de varios autores, editado por aCentral Folque.

En tradución a distinción foi para Canto eu e a montaña baila, de Irene Solá, traducido por María Alonso Seisdedos e publicado por Kalandraka.

Houbo tres premios a traxectorias: para Yolanda Castaño na categoría de iniciativa cultural ou fomento da lectura, por Poetas Di(n)versos; aos varios autores que promoven o Arquivo das Trastas, en Instragram, como mellor proxecto literario na rede; e en xornalismo cultural distinguiron Belén Regueira.

Tamén foron maioría as mulleres nos premios honoríficos, que xa xe coñecían: Mercedes Corbillón, da libraría Cronopios de Santiago; a portuguesa Ana Luísa Amaral, como escritor/a galego/a universal; e Xesús Alonso Montero, recoñecido polas editoras.