No poemario, Angueira dialoga literariamente con outros escritores. «A idea de rexurdimento lévame a dialogar con outros autores do que nós chamamos o rexurdimento: Sarmiento, Rosalía, Pondal, Curros...», detalla. Tamén aparece Manuel Antonio, Paul Éluard, escritores portugueses... «Eu concibo a literatura como ese diálogo», incide o escritor, que nesta nova publicación inclúe unha parte con versos que foron lidos en diferentes actos ao longo dos últimos tempos.
E, despois deste lapso de quince anos, cambiou moito a voz poética de Anxo Angueira? «É a mesma voz, pero modulada de forma distinta. É outra visión global, outra concepción da poesía», responde o autor, quen engade que o seu proceso de escrita necesita un tempo de maduración. Lembra tamén como entre outros dos seus poemarios houbo ata dez anos de diferenza.