As montaxes «Cigarreiras» e «Othello», favoritas nos premios María Casares
CULTURA

Catorce espectáculos competirán na gran gala do teatro galego, o 2 de xuño
27 abr 2022 . Actualizado a las 23:25 h.Os espectáculos Cigarreiras, das compañías Contraproducións e Teatre Romea, e Othello, de Voadora, coas cadansúas oito candidaturas, preséntanse como favoritas na 26.ª edición dos premios de teatro María Casares, cuxa gala se celebrará o próximo 2 de xuño no Rosalía de Castro da Coruña. Non moi lonxe se sitúan A lúa vai encuberta, de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, que acada sete, e Terceiro acto, do Centro Dramático Galego, que suma seis mencións.
A gran noite dos María Casares —no ano do centenario da mítica actriz coruñesa— fará esquecer a moi dificilmente explicable ausencia absoluta do teatro galego na listaxe dos 65 finalistas nas vinte categorías a concurso da 25.ª edición dos premios Max das artes escénicas, de ámbito estatal, que fixo pública hai tres días a SGAE.
As candidaturas dos María Casares déronse a coñecer este mércores en Santiago na festa de finalistas —cita xa tradicional neste certame profesional organizado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) dende a súa creación en 1997—, na que emerxeu Cigarreiras, unha montaxe baseada na novela de Emilia Pardo Bazán La Tribuna, cuxa adaptación e dirección correron a cargo de Cándido Pazó e pon a sete actrices en escena, «conxugando o ton propio dun drama individual e colectivo con outros máis frescos e lixeiros, incluso cómicos por momentos, tan característicos da narrativa de Pardo Bazán», sinala a compañía galega. Pelexará pola vitoria nos apartados de mellor dirección e espectáculo, no de actriz protagonista por partida dupla (Susana Dans e Tamara Canosa), e tamén en escenografía, adaptación-tradución, maquillaxe e vestiario.
Othello, de Voadora, nunha versión de William Shakespeare que firma Fernando Epelde e dirixe Marta Pazos, tamén conseguiu oito finalistas, en dirección, adaptación-tradución, música orixinal, actor secundario, maquillaxe, vestiario, escenografía e iluminación.
Tras estas dúas producións vén A lúa vai encuberta, que se ergue sobre o texto de Manuel María con dramaturxia de Vanesa Sotelo e dirección de Tito Asorey e que aspira a sete estatuíñas ao concorrer nos apartados de dirección e espectáculo, adaptación, actor protagonista e secundario, iluminación e música orixinal.
Cun finalista menos está Terceiro acto, que pugna nas categorías de espectáculo, actriz protagonista, actor protagonista por partida dupla (Eduardo Rodríguez Cunha, Tatán, e Roberto Leal), texto orixinal e escenografía.
A que segue é a relación de finalistas por montaxes:
Cigarreiras, de Contraproducións e Teatre Romea (8 finalistas): espectáculo, dirección (Cándido Pazó), actriz protagonista (Tamara Canosa e Susana Dans), adaptación/tradución (Cándido Pazó), escenografía (Dani Trillo), vestiario (Martina Cambeiro) e maquillaxe (Martina Cambeiro).
Othello, de Voadora (8 finalistas): dirección (Marta Pazos); actor secundario (Hugo Torres), adaptación/tradución (Fernando Epelde), música orixinal (Hugo Torres), iluminación (Nuno Meira), escenografía (Marta Pazos), vestiario (Silvia Delagneau) e maquillaxe (Silvia Delagneau).
A lúa vai encuberta, Incendiaria e A Quinta do Cuadrante (7 finalistas): espectáculo, dirección (Tito Asorey), actor protagonista (Davide González), actor secundario (Tito Asorey), adaptación/tradución (Vanesa Sotelo), música orixinal (Davide González) e Iluminación (Laura Iturralde).
Terceiro acto, do Centro Dramático Galego (6 finalistas): espectáculo, actor protagonista (Roberto Leal e Eduardo Rodríguez Cunha, Tatán), actriz protagonista (Belén Constenla), texto orixinal (Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez) e escenografía (Marta Pazos)
O charco de Ulises, do Centro Dramático Galego (2 finalistas): actriz secundaria (Mónica Camaño e Raquel Espada)
Comando Comadres, de Matrioshka Teatro (2 finalistas): actriz secundaria (Anabell Gago) e maquillaxe (LaPelu F. Silva)
Quixote, de Pedras de Cartón (2 finalistas): vestiario (Diego Valeiras) e espectáculo infantil.
A parábola do angazo, de Talía Teatro (1 finalista): texto orixinal (Araceli Gonda, Marta Lado, Jose Prieto, Diego Rey, Séchu Sende e Artur Trillo).
Morgana en Esmelle, de Sarabela Teatro (1 finalista): actor secundario (Fernando Dacosta)
A cazola de Lola, de Tanxarina (1 finalista): música orixinal (Ailén Kendelman).
Soga e cinsa, de Aporía Escénica (1 finalista): texto orixinal (Diana Mera)
Seva me Servabo te, do Centro Dramático Galego (1 finalista): iluminación (Laura Iturralde)
Cubo, de Elefante Elegante (1 finalista): espectáculo infantil
Hugo, de Os Náufragos Teatro (1 finalista): espectáculo infantil.