O sector cultural galego recupérase tras a pandemia e un 51 % das entidades prevé aumentar ingresos este ano

Monste García SANTIAGO

CULTURA

Concerto de Vetusta Morla no Monte do Gozo ligado ás actividades do Xacobeo
Concerto de Vetusta Morla no Monte do Gozo ligado ás actividades do Xacobeo PACO RODRÍGUEZ

O estudo do Consello da Cultura Galega reflicte que case a metade das entidades califican como moi positivo o 2021

27 abr 2022 . Actualizado a las 19:05 h.

A maioría do tecido cultural galego empeza a deixar atrás o impacto da pandemia. Para o 48 % das entidades o 2021 foi mellor co 2020 e un 66 % agardan que a situación siga mellorando moito máis este ano. Esa é a opinión que se desprende do Barómetro da cultura 2022 confeccionado tras 902 entrevistas a representantes de empresas, asociacións, fundacións e administracións públicas. Un 43 % responde que no exercicio pasado aumentaron a súa facturación ou orzamento e máis da metade deles, un 51 %, prevé que sigan medrando os ingresos no presente ano. Onde máis notaron a melloría foi o ámbito audiovisual, mentres que a música sitúase no outro extremo, segundo os resultados do informe elaborado polo Observatorio Galego da Cultura, un servizo do Consello Galego da Cultura (CCG). Estes datos optimistas hai que poñelos en contexto. Un terzo das entidades viña dunha situación moi negativa no 2020. «Entón melloran en parte porque viñan dunha situación crítica», afirma o coordinador do Observatorio, Håkan Casares, que presentou os resultados acompañado da presidenta do CCG, Rosario Álvarez.

Con esta nova entrega do Barómetro, o obxectivo foi «saber como percibe a situación o sector cultural», resaltou Rosario Álvarez. Por iso, nesta ocasión quixeron ampliar a mostra de entrevistados para que fora representativa do sector. Precisamente, do resultado das enquisas extráese que o incremento de facturación foi maior nas empresas máis grandes e as vinculadas coas artes visuais e audiovisuais, mentres que as ligadas coas artes escénicas e musicais, así como coas gráficas, cústalles máis recuperarse da pandemia. Precisamente, a música, xunto coa danza e o teatro prevén incrementos para o 2022 tras vir de «dous anos espantosos». O estudo reflicte que aínda que a maioría de entidades se recupera en termos de facturación ou prevé facelo neste ano, aínda hai un terzo dos enquisados que resaltan que non saben se se recuperarán no 2023.

Pese a que a maior parte das enquisas para o estudo se fixeron antes do inicio da guerra en Ucraína e da folga dos transportes, desde o sector xa apuntaban aos problemas de aumento dos custos debido ao encarecemento das subministracións, unha cuestión que ten especial pegada nas artes gráficas e na imprenta. Iso si, só o 22 % dos enquisados trasladou os incrementos aos seus prezos. E máis, a metade non prevé aumentalos este ano, explicou Casares. Iso si, un terzo verase obrigado a subir.

En canto a o emprego, hai estabilidade. O 70 % non variaron o número de traballadores nin prevé facelo. Iso si, un 21 % prevé contratar, principalmente nas artes escénicas, musicais e audiovisuais. Precisamente, nas enquisas sae reflectido o problema de atopar profesionais: case a metade das entidades ten dificultades para incorporar persoal cualificado, especialmente no ámbito da música, das artes gráficas e das escénicas. Por outra banda, aínda que hai un equilibrio en canto a xénero dos empregados, o 62 % das entidades están dirixidas por homes.

Tendo en conta a celebración do ano santo, o Barómetro tamén valora o impacto do Xacobeo no tecido cultural. Neste caso, sete de cada dez entidades aseguraron que non percibiron ningún efecto. Só o 27 % advertiron algunha repercusión e un 29 % agarda que o teña neste 2022. Por outra banda, en canto a fortalezas e debilidades, os representantes das entidades citaron como principal problema a pandemia, seguido da falta de subvencións. Respecto a estas últimas, un 53 % das entidades solicitaron algunha o ano pasado, tendo resposta positiva o 47 % delas. En canto as fortalezas, salientan o talento e a creatividade, seguido por a calidade e a variedade da creación. En canto aos eventos máis destacados do 2021, situaron os vinculados ao Xacobeo e o Camiño, a volta dos festivais musicais e a candidatura de Tanxugueiras a Eurovisión.

«Percíbese unha mellora substancial no ano 2021 e unha evolución positiva para o 2022, pero tamén hai unha alarma importante relacionada cos prezos. Tamén hai diferenzas importantes por sectores. O audiovisual está en bo estado de forma, pero hai entidades que sufriron moitísimo, principalmente todo e relacionado coas artes escénicas e musicais e os problemas específicos no ámbito da impresión e das artes gráficas», conclúe Håkan Casares.