Cervantes, o poeta que foi novelista

CULTURA

22 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Celebraremos mañá, 23 de abril, o Día do Libro, que se propón homenaxear, no aniversario da súa morte, a Cervantes, quen, por certo, non faleceu nesa data senón un día antes, o 22, tal como precisou a erudición (Luis Astrana Marín) hai moito tempo pero cando xa estaba instituída oficialmente en España a festividade literaria. Eu aproveito a ocasión —no día 22— para homenaxear un estudo cervantino que non é un título máis na oceánica bibliografía sobre Miguel de Cervantes. Non versa sobre o Quixote, malia que o autor, José Montero Reguera, catedrático de Literatura española na Universidade de Vigo, é, como cervantista, un dos grandes estudosos da impar novela cervantina. En calquera caso, no título da súa rigorosísima monografía, o profesor Montero Reguera non elude a condición do escritor como autor de relatos novelescos: Miguel de Cervantes. El poeta que fue novelista (Madrid, Pigmalión, 2021).

O prologuista, Fernando Romo Feito, outro recoñecido cervantista, subliña o obxectivo esencial desta monografía: amosar que a poesía de Cervantes está a esixir unha valoración superior, moi superior, á que durante séculos ten suscitado. Responsable, en certo modo, da subestimación da súa obra poética é o propio Cervantes, de quen aprendemos, no noso bacharelato, estes versos do seu Viaje del Parnaso (1614): «Yo, que siempre trabajo y me desvelo / por parecer que tengo de poeta / la gracia que no quiso darme el cielo».

Cómpre ler con atención as 238 composicións poéticas de Cervantes, moitas intercaladas nas súas novelas e noutras obras, que é o que fai, quizais por primeira vez, o profesor Montero Reguera nesta aleccionadora monografía. Agora ben, os lectores da poesía cervantina sempre compararán os versos de Cervantes coa prosa do Quixote, un dos grandes relatos que produciu o obradoiro literario da Humanidade. Por outra parte, o poeta Cervantes ten que competir, no seu tempo, con estas sete grandiosas voces poéticas: Garcilaso de la Vega, Fray Luis de León, Juan de la Cruz, Lope de Vega, Góngora, Quevedo e Andrés Fernández de Andrada, o autor da singular Epístola moral a Fabio.