Pepe Viyuela e Leo Bassi traerán as súas obras á Miteu ourensá

La Voz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Bassi participará na Miteu coa montaxe «Yo, Mussolini».
Bassi participará na Miteu coa montaxe «Yo, Mussolini». Mónica Irago

A mostra de teatro universitario celebrarase do 1 ao 16 de maio

20 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Mostra de Teatro Universitario de Ourense, Miteu, volve este ano ás súas datas habituais logo de superada a pandemia. O certame escénico que conxuga as propostas teatrais que se crean nas universidades e os espectáculos de artistas ou compañías consolidadas desenvolverase na cidade entre os días 1 e 16 de maio.

Nun escenario pouco favorable para os organizadores da Miteu —o recorte de axudas do Concello de Ourense aos proxectos de Sarabela afecta aos certames anuais—, o director Fernando Dacosta subliñou na presentación do programa que se mantén a proposta grazas ao esforzo da organización e ao apoio de Xunta, Deputación de Ourense, Universidade de Vigo e empresas como Cervexas Esmorga, que se sumou nesta edición ao proxecto.

Miteu é sinónimo de variedade e novas propostas e durante a súa celebración poderase desfrutar de 17 representacións polos diferentes espazos da cidade que acollerán o encontro universitario: «Teatro contemporáneo, danza, música, circo, teatro de rúa e tamén de interior terán o seu protagonismo nesta festa», explicou Dacosta. Como é costume, as aulas de teatro universitario do campus de Ourense contarán cun peso relevante: Rosaura abrirá o certame coa estrea do espectáculo de rúa A contrapé e Maricastaña clausurará a Miteu con O parke do crepúsculo. Participa ademais o grupo Cordelia.

Pepe Viyuela contará con presenza por partida dobre nesta edición: o día 2 estará no Teatro Principal con Encerrona e o 3 presentará, no mesmo escenario, o libro Bestiario. Leo Bassi volverá á mostra ourensá coa súa nova proposta antifascista e porá en escena Yo, Mussolini, tamén no Principal (día 4).

Polo certame pasarán este ano as compañías de teatro universitario de Covilhã (Portugal), Nafarroa, Lugo, Vigo, Pontevedra, Murcia e Burgos. Tamén se contará coa presenza de Sara Guerrero Alfaro —compañía galego-mexicana— e o seu espectáculo Raigame. Ademais da do Circo EIA (Cataluña), varias compañías de danza e o proxecto Corpo (a) Terra. Haberá un curso sobre os principios básicos da Comedia Dell’Arte, un concerto homenaxe para lembrar o desaparecido músico Xaime Mateo e o premio da Miteu será para Mohamed Azibou polo seu papel de ponte entre as culturas de Marrocos e Galicia.

Intercambio entre territorios

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, salientou o papel da Miteu «para o intercambio cultural e estudantil entre territorios», o seu traballo ao longo destes 27 anos e o feito de ofrecer nesta edición proxectos «tanto de Galicia como de España, Portugal, Italia e México».