Teatro e música para achegar a figura de Florencio a través de distintas artes

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

CULTURA

Inacio Vilariño de Fantoches Baj co escenario de Florencio
Inacio Vilariño de Fantoches Baj co escenario de Florencio miguel souto

Fantoches Baj estrea una obra e Caamaño & Ameixeiras musican poemas

14 abr 2022 . Actualizado a las 12:09 h.

Reedición dos seus poemarios, publicación de biografías e unidades didácticas, proxectos na rede, catas de viño... A medida que se achega o 17 de maio van medrando as iniciativas que xorden para espallar a figura de Florencio Delgado Gurriarán. E non faltan tampouco no eido do teatro ou na música, aínda que neste último non son novidade. Están a piques de facerse 20 anos desde que o cantautor valdeorrés Anxo Rei publicara un disco no que musicaba os versos do poeta de Córgomo.

Estes días Inacio Vilariño dálle os últimos retoques a Tras os vieiros de Florencio, a peza teatral que creou coa súa compañía, Fantoches Baj. Grande afeccionado a ler a hemeroteca, levaba tempo atopando a figura de Florencio, mais nunca a investigara. Foi coa elección do poeta de Córgomo para o Día das Letras que decidiu que era o momento de afondar máis. O que ía descubrindo fíxolle ver que había un espectáculo sobre a vinculación de Delgado Gurriarán co viño. Ou así foi ao principio. «Traballando aquela idea que tiña na cabeza, do mundo do viño pasou ao da farmacia», conta, nun xiro cara a outra faceta vital do poeta, xa que traballou como visitador médico en México. O texto escrito polo dramaturgo asentado en Lalín parte da longa entrevista que Florencio lle concedeu a Dolores Pla en agosto de 1979 na súa casa de Guadalaxara (México) para o Archivo de la Palabra.

Caamaño & Ameixeiras.
Caamaño & Ameixeiras. PACO RODRÍGUEZ

O espectáculo presenta a un Florencio que chega á casa canso e sedento tras varias xornadas fóra, cargando co seu maletín. Ante a presenza inesperada do público vai contando o seu día a día no traballo e, pouco a pouco, axudándose dos elementos que leva no maletín, van aflorando as lembranzas do seu Córgomo natal, a guerra, a chegada ao seu país de acollida e algúns momentos festivos.

É unha proposta teatral duns 50 minutos nos que Inacio se mete na pel de Florencio. Na narración da súa vida, que é o fío condutor, vai parando de cando en vez para recitar varios poemas. Hai versos de temática galeguista, festiva e paisaxística, e intimista. Ademais da palabra e os obxectos dos que se val Vilariño, na obra ten moita importancia a banda sonora, creada a partir de temas tradicionais que gravou o guitarrista Antonio Bravo, especialista no Cancionero gallego de Bal y Gay. O título é unha referencia á revista Vieiros, publicación que o de Córgomo chegou a codirixir.

A estrea será este domingo en Vilalba, para despois visitar Sanxenxo, Lalín, Ordes, O Carballiño, Xinzo de Limia, Burela e A Estrada antes de chegar, o 17 de maio, ao Barco de Valdeorras.

Para o verán

Tamén están involucradas no 17 de Maio Caamaño & Ameixeiras. Elas son as autoras do tema musical que dá entrada e saída a Polos vieiros de Florencio, unha serie de micropezas audiovisuais nas que distintas voces profundan na figura a na obra do autor. «Chamáronnos da Real Academia Galega para usar un tema noso — a peza instrumental Mercedes y Dolores— pola vinculación de transmitir a idiosincrasia de emigrar, que está moi difundida na nosa música», explica Antía Ameixeiras. O dúo ten varios temas nos que mostran que ao outro lado do Atlántico hai poesía galega viva que volve para aquí. E iso é o que ocorre con Florencio.

Desde a RAG pasáronlles varios poemas cos que están traballando. «Delgado Gurriarán está moi vinculado coa poesía popular e é moi musicable», explica Sabela Caamaño. E niso andan, en tratar de poñer música ao poeta de Córgomo. Din que non chegan para o 17 de Maio, porque por fortuna andan enleadas nunha chea de concertos, pero esperan que os primeiros poemas de Cantarenas estean presentes nos concertos de verán. A data, din, non é o importante. Ou tal vez si, pero en modo ampliado. «As Letras son todos os días. É bonito que se poida recordar a Florencio ao longo do ano», remata Ameixeiras.