Diego Ameixeiras: «Sempre tiven simpatía pola xente que perde e á que lle saen as cousas mal»

Javier Becerra
javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Diego Ameixeiras
Diego Ameixeiras PACO RODRÍGUEZ

O escritor ourensán acaba de gañar o Premio Nacional de la Crítica ao mellor libro en galego

14 abr 2022 . Actualizado a las 12:10 h.

A crítica considerou que O cervo e a sombra (Xerais) é o mellor libro de narrativa en galego do ano. Iso é o que puxo de manifesto o Premio Nacional de la Crítica 2022, que nese apartado recaeu en Diego Ameixeiras (Lausana, Suíza, 1976). «Os premios sempre se agradecen. Son un recoñecemento ao traballo. Ademais, neste caso, ao ser un premio por parte da crítica ten o valor do prestixio. Tamén é unha forma de animarse para seguir traballando», subliña o escritor.

—Din de vostede que é un escritor independente, fóra de capelas literarias, un «outsider».

—Non o sei, non teño esa idea de min. Eu dedícome a escribir, a publicar novelas, e non me considero especialmente un outsider. Si que é certo que dedicarse á literatura, tal e como a entendo eu, necesita dunha certa concentración e estar metido no que hai que estar. Iso fai que nalgunha temporada un desapareza un pouco, tendendo a soidade e a estar lonxe do ruído, das redes sociais, e todo iso. É o normal. Polo menos no meu caso é así.

—O protagonista do libro premiado é un pequeno vendedor de droga coa vida escachada. Ten predilección polos perdedores?

—É o meu mundo literario e eses personaxes son os que máis me atraen á hora de escribir e de explorar a súa psicoloxía. O protagonista do libro pertence a ese tipo de xente ao que a vida non remata de tratalo ben e quere sobrevivir. Pero si que é ese tipo de personaxe un pouco á marxe, metido na derrota e na escuridade.

—A súa mirada ten certo agarimo?

—Si, intento comprendelos e acompañalos na historia que quero contar. E, sobre todo, non xulgalos. Eu sempre tiven simpatía pola xente que perde e á que lle saen as cousas mal. Son vítimas dunhas circunstancias dadas. Nacer nun sitio determinado ou nunhas circunstancias sociais concretas axuda a que a vida nos vaia mellor. Iso está claro.

—O seu marco é Ourense, unha pequena cidade. Cando un é perdedor aí, a posibilidade de saír pódese ver máis difícil?

—A novela ambiéntase en Ourense porque fala moito sobre a memoria e a relación que tes coa a cidade na que creciches e onde experimentaches as cousas por primeira vez. Tiña que ser aí porque é onde eu medrei e onde teño un vínculo sentimental máis forte. Pero si que é certo que hai cidades que arrastran un certo clima de derrota ou de ofensa histórica. Eu creo que Ourense, sobre todo nos últimos anos, arrastra un pouco iso de cidade esquecida e que foi un pouco para atrás. Pero a miña idea de ambientala alí non era esa, senón a da memoria.

—A páxina de cultura da Xunta di que vostede ten «un estilo áxil e directo, caracterizado pola absoluta economía expresiva». Vese reflectido nesa descrición?

—A verdade é que O cervo e a sombra ten un certo aire poético. Pero a min gústame contar as cousas dunha forma directa. Nunca escribín novelas especialmente longas e non teñen demasiadas descricións. Son novelas, penso eu, que teñen bastante ritmo e nas que as cousas suceden con certo dinamismo.

—Pode vir iso da súa formación como xornalista?

—Iso sempre está aí, é algo inevitable, esa idea xeral de que as cousas hai que contalas da forma máis clara e directa posible. Pero a verdade é que cando me sento a escribir unha novela non é algo que teña especialmente presente. A min, como lector, interésanme máis as cousas breves, pero ao final todo depende de que estea ben feito.

—En que situación se encontra agora?

—Estou tratando de rematar a primeira versión doutra novela. As novelas, cando se publican, deixan totalmente de ser túas. Son propiedade do autor cando están na cabeza e aínda non as escribiches. Unha vez que as publicas e se difunden, collen unha vida na que ti, como autor, o que podes facer é recoller os comentarios positivos da obra. Eu estou un pouco niso, dándolle voltas ao que será a nova novela.