O Premio Nacional de la Crítica recoñece a obra de Diego Ameixeiras e de Medos Romero

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O narrador Diego Ameixeiras (Lausana, 1976) e a poeta Medos Romero (As Pontes, 1959).
O narrador Diego Ameixeiras (Lausana, 1976) e a poeta Medos Romero (As Pontes, 1959). S. Alonso | J. Pardo

A Asociación Española de Críticos Literarios sinala tamén a Jordi Ibáñez e María Ángeles Pérez, Borja Bagunyà e Joan Todó, e Kirmen Uribe e Itziar Ugarte

10 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O narrador ourensán Diego Ameixeiras (Lausana, Suíza, 1976) e a poeta coruñesa Medos Romero (Somede, As Pontes, 1959) son dous valores literarios de lenta decantación. As súas obras foron medrando de natural, sen adobíos nin ansiedades nin inxerencias alleas, coa paciencia que adoita amosar a natureza e algunhas persoas privilexiadas que coñecen os ritmos do cotián nas aldeas e en certos barrios galegos que desbotan teimudos o estilo de vida máis urbano de poses e présas. E ambos se manteñen no seu ser independente, fóra de capelas e conveniencias literarias. Levaban tinta a eito peneirada sobre o papel non sempre en branco para cando, agora, lles chega un importante recoñecemento alén de Pedrafita do Cebreiro como é o do Premio Nacional de la Crítica 2022 no seu apartado en lingua galega. Ameixeiras, o de narrativa por O cervo e a sombra (Xerais), e Romero, o de poesía por E o sol era Ela (que vén avalado previamente polo galardón de poesía Afundación 2021 e a súa correspondente publicación na colección Arte de Trobar, promovida, como o certame, polo Centro PEN de Galicia e a Obra Social de Abanca).

De feito, a poesía —moi distinta da de Medos Romero, certo— impregna tamén a última narración de Ameixeiras, O cervo e a sombra, unha lírica agre, desacougante pero moi acaída ao seu relato, protagonizado por un traficante de drogas e inzado de violencia e derrota pero tamén aberto á luz que procuran a esperanza e o amor. O seu particular sentido do noir mete a culler nas feridas do pasado, na culpa, nas zonas escuras, dunha maneira moi emocional e, sobre todo, moi respectuosa co espírito dos perdedores, aos que dignifica e confire unha carne e un alma moi humanas, unha sólida osamenta de superviventes. Definitivamente, o estilo de Ameixeiras está máis preto de David Goodis e Jim Thompson que do puro hard-boiled de Dashiell Hammett e Raymond Chandler.

En E o sol era Ela, Medos Romero escava na súa infancia rota sen abandonar un universo de marcado carácter feminista, así como a súa preocupación pola natureza e a desconexión do ser humano co seu entorno. Nesa perda empática inclúe tamén a extinción dun mundo rural —que é dalgunha maneira o Somede da súa nenez— que entende que non se valorou suficiente e que estaba cheo dun orgánico e intuitivo sentido do ecolóxico, de irmandade cos outros seres vivos, vexetais e animais; é dicir, de sinxela pero extraordinaria sabedoría. Por iso, cando eleva o seu canto poético trata de que agrome a celebración da vida en toda a súa extensión, aínda que neste libro teñan moito peso outros aspectos como a infancia rota —polo desgarro da separación da xente amada a que abocaba a emigración— ou a posibilidade do sobrenatural.

En castelán, o premio recaeu na novela tríptico Infierno, Purgatorio, Paraíso (Tusquets), de Jordi Ibáñez Fanés (Barcelona, 1962), e no poemario Incendio mineral (Vaso Roto), de María Ángeles Pérez López (Valladolid, 1967), nunha edición que incluíu como novidade a modalidade en lingua estranxeira, que obtivo a novela Hamnet, da autora irlandesa Maggie O’Farrell (1972) e que publicou en España o editor vigués Luis Solano no seu selo Libros del Asteroide. Infierno, Purgatorio, Paraíso narra unha viaxe a través do procés político catalán soberanista desde o posfranquismo ata un futuro imaxinario e espectral, nunha traxicomedia onírica, divertida e brutal, e ao tempo carnavalesca e descarnada, lúcida e fantasmagórica, que disecciona o cinismo e a perversidade do poder con moita audacia.

Os recoñecementos —concedidos pola Asociación Española de Críticos Literarios ás mellores obras publicadas en España no 2021— premiaron en catalán Els angles morts [Os ángulos mortos, de narrativa], de Borja Bagunyà, e La vista als dits [A vista nos dedos, poesía], de Joan Todó. En éuscaro, foron a novela Izurdeen aurreko bizitza [A vida anterior dos golfiños], de Kirmen Uribe, e o poemario Gu gabe ere [Incluso sen nós], de Itziar Ugarte Irizar.