María Victoria Carballo-Calero: «A pintura de Laxeiro representa a identidade galega, pero tamén encarna o novo espírito de Galicia máis ecléctico e libre»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A homenaxe a Laxeiro con motivo do Día das Artes 2022 celebrouse en Lalín.
A homenaxe a Laxeiro con motivo do Día das Artes 2022 celebrouse en Lalín.

A Real Academia Galega de Belas Artes conmemorou en Lalín o Día das Artes Galegas 2022 nunha celebración da figura e a obra do gran creador pontevedrés

08 abr 2022 . Actualizado a las 22:05 h.

A Real Academia Galega de Belas Artes (Ragbá) celebrou en Lalín o acto solemne de conmemoración do Día das Artes Galegas 2022 ao que asistiron personalidades do mundo da cultura e a política. O encontro institucional lembrou ao artista José Otero Abeledo, Laxeiro (Lalín, 1908-Vigo, 1996), a quen se lle dedica este ano o festexo e cuxa figura enxalzou como pintor entre os máis grandes do século XX galego. A académica María Victoria Carballo-Calero trazou unha liña progresiva da pintura do artista analizando imaxes das súas obras máis representativas.

Paseando polas diferentes etapas da traxectoria —pasando por Santiago, Pontevedra e Vigo e reafirmando a importancia das súas estancias en Arxentina—, abordou como o influxo de Picasso conviviu coas referencias de Goya e Rembrandt. Destacou como nos anos oitenta foi unha das iconas do Grupo Atlántica: «A súa pintura representa a identidade galega, que debe ser recuperada, pero tamén encarna o novo espírito de Galicia máis ecléctico e libre, e profundamente expresionista, forxado a ambas beiras do océano. Atlántica considera a figura de Laxeiro como unha ponte entre os renovadores dos anos trinta e a pintura experimental e abstracta dos oitenta».

No encontro a Banda de Música de Lalín interpretou a peza Pintor Laxeiro, composta por José Luis Represas, quen estivo presente no acto de homenaxe.