John Rutherford: «Se falla a voz narradora, falla a tradución»

Xesús Fraga
Xesús Fraga ESPECIAL LA VOZ

CULTURA

O profesor Rutherford, nunha conferencia.
O profesor Rutherford, nunha conferencia. Paco Rodríguez

O hispanista británico, profesor de lingua e literatura galegas, levou ao inglés «Memorias dun neno labrego», obra de Neira Vilas: «Foi necesario converterme imaxinativamente en Balbino e deste xeito revivir a acción da novela»

02 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Balbino. A village boy. In other words a nobody». Así comeza o célebre arranque das Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas (Gres, 1928-2015) na tradución ao inglés de John Rutherford (St. Albans, 1941) que vén de publicar Small Stations Press. Unha edición que ademais reproduce as ilustracións de Isaac Díaz Pardo para a primeira edición de 1961 deste gran clásico da literatura galega.

-Boa parte do éxito deste libro radica na voz narradora, inconfundible e coa que un establece unha relación forte de empatía. Como foi trasladar esa voz a outro idioma?

-Se falla a voz narradora, falla a tradución. Nas Memorias trátase dun neno labrego dos anos 40 do pasado século, con pouca educación formal pero moi dotado de intelixencia, sensatez e sensibilidade. Era importante só empregar o léxico e as construcións gramaticais propios dun neno inglés que vivise en circunstancias parecidas, evitando polo tanto toda linguaxe urbana ou moderna. Pero tamén evitar unha simplificación lingüística excesiva, porque (como me recordan continuamente as miñas netas) aos nenos encántalles escoitar, saborear e logo empregar o vocabulario e incluso a gramática dos adultos.  Foi necesario converterme imaxinativamente en Balbino e deste xeito revivir a acción da novela, non traducir da palabra galega á palabra inglesa (a falacia do dicionario) senón de aquela ao seu referente, e de este á palabra inglesa. Hai unha distancia considerable entre Balbino e o seu tradutor, este londiniense do século XXI, pero a miña difícil transferencia imaxinativa ao mundo de Balbino foi facilitada por memorias das miñas primeiras estadas en Ribadeo nos anos 60 e nos 70, cando comprei unha casa na próxima aldea de Vilaselán.

-Tamén hai un léxico moi determinado. Que particularidades tivo que afrontar á hora de evocar un mundo e unhas experiencias a través dunhas palabras específicas?

-O pasado agrícola de Inglaterra queda moito máis lonxe que o de Galicia, e ademais moitos dos obxectos e eventos da vida rural galega nunca existiron na inglesa. Nestes casos inventei termos descritivos, así que brochas foron «clog-studs», o fumazo «the bonfire-festa», a eira «the threshing-yard», taravelas «bird-scarer rattles». Moitas veces existía a posibilidade de substituír o termo galego por algo diferente pero cun papel equivalente na vida inglesa, por exemplo converter os Reis Magos en «Father Christmas», porque este  é quen trae os regalos na tradición navideña inglesa. Pero sempre intentei evitar tal recurso, porque representa unha domesticación excesiva do texto estranxeiro. Nas miñas traducións quero levar ao lector inglés ao mundo do texto traducido, non obrigar a este a conformarse coas normas da cultura inglesa. Polo tanto traducín aos Reis Magos directamente, cun discreto aclaramento textual: «Three Kings bringing Christmas presents».

-Inglaterra conta cun pasado agrícola importante, do que hai unha visión, quizais idealizada, dese eido rural, como a que reflicte a serie «All Creatures Great and Small», que está a verse aquí con gran éxito. Pero o rural de Balbino é moi distinto... que cre que pensará un lector británico?

-Como dixen antes, o pasado rural de Inglaterra queda moito máis remoto co de Galicia: gran parte de Inglaterra se urbanizou xa no século XIX, Galicia a partir dos anos 70 do século pasado. Polo tanto a aldea aínda forma parte da memoria persoal e inmediata da maioría dos galegos, cousa que dista moito de suceder tratándose de ingleses. Os únicos antecesores meus de quen teño noticias son uns muiñeiros escoceses de finais do século XVIII! Agora ben, como a novela de Neira Vilas non idealiza nin moito menos ese pasado rural, é un bo antídoto a versións como All Creatures Great and Small.

-A edición leva as ilustracións de Isaac Díaz Pardo…

-Quedei moi contento coa decisión de Jonathan Dunne de incluír as ilustracións de Isaac Díaz Pardo, porque engaden outra dimensión fascinante ao texto.

-Small Stations ten como obxectivo achegar a literatura galega ao inglés. Como ve esa recepción?

-O público lector inglés só está disposto a ler traducións de obras de autores xa coñecidos. Da miña tradución de Don Quijote véndense decenas de millares de exemplares anuais, pero as ventas anuais doutra gran novela que traducín, La Regenta, tamén publicada en Penguin Classics, non chegan ao centenar. Os encomiables esforzos de Small Stations Press non reciben, pois, a resposta por parte do público que merecen. É un pouco triste pensar que, despois de tanto traballo, pouca  xente vai ler as miñas traducións de excelentes libros galegos, pero alomenos alí están nos andeis das bibliotecas. Ao mellor algún día este país chegará a superar a súa mentalidade brexiteira.

-Vostede dedicoulle un estudo á figura do pícaro. Ve algunha conexión dese arquetipo literario con Balbino?

-O pícaro do século XVI, cando naceu esta palabra, era un neno vagabundo; neste sentido orixinal, Balbino só é un pícaro cando cara ao final da novela escapa da súa casa para ir á casa da súa tía Estrela. Despois do século XVI o sentido da palabra se foi estendendo moito, pero aínda así non creo que Balbino pertenza a esa tradición.