Xesús Alonso Montero: «Florencio Delgado Gurriarán foi un home fiel ao idioma galego»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

O profesor e académico Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928).
O profesor e académico Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928). Xoán Carlos Gil

No seu novo libro, o profesor fai unha aproximación ao poeta valdeorrés e protagonista do Día das Letras. «Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética» preséntase este martes en Vigo

22 mar 2022 . Actualizado a las 17:49 h.

Florencio Delgado Gurriarán vai ser este ano o protagonista do Día das Letras Galegas, e o profesor e académico Xesús Alonso Montero quere dar a coñecer a vida e a obra deste home a través do libro Florencio Delgado Gurriarán. Poeta na terra, na guerra e no exilio. Antoloxía poética (Galaxia), que este martes, ás 20.15 horas, presenta na libraría Cartabón de Vigo.

—Non é moi coñecido Florencio Delgado Gurriarán...

—Teño que confesar que fun eu o primeiro estudoso en Galicia de Florencio Delgado Gurriarán, no ano 1996. Foi a través do prólogo que fixen do Cancioneiro da loita galega, que non é exactamente un libro del, senón unha obra colectiva feita en México polo Partido Galeguista en 1943. É un libro colectivo que el deseñou, ideou e organizou con moitos poemas doutros autores.

—É un poeta importante?

—Non foi importante se importante é Dante, Homero ou Virxilio. Coidado, que tampouco hai que magnificar. O que si creo é que é un poeta extraordinariamente interesante cunha musa moi plural porque foi poeta matriótico, con eme. O matriótico non é o que canta á patria, Galicia, senón á súa matria, a comarca natal. E hai moi poucos poetas matrióticos, da fondura e a emoción pola terra, os seus viños, as xentes e os aconteceres de Valdeorras. E el foino. Todo iso quedou reflectido na súa primeira obra, Bebedeira, de 1934.

—No seu libro, vostede tamén destaca a calidade política da obra de Delgado Gurriarán.

—Si, facía poesía política porque sobre todo foi o único poeta en galego durante a República que fixo poemas sociolingüísticos, poemas defendendo a lingua galega e ofendendo ou ridiculizando a aqueles que rexeitaban o galego ao tempo que falaban un castelán cheo de galeguismos, un castelán acastrapado. Nese sentido hai que chegar a Celso Emilio Ferreiro, no ano 1962, cando escribe aquel poema Lingua proletaria do meu pobo, para atopar outro poeta sociolingüístico.

—Entón, a súa elección como persoeiro do Día das Letras Galegas trata de reivindicar varias facetas importantes do poeta de Valdeorras.

—Si, está a súa poesía política, matriótica e tamén patriótica. Na súa vida hai unha pluralidade enorme. Por exemplo, é un gran poeta erótico que enlaza moi ben co tipo de poesía afroamericana que se escribía daquela. Pero é que tamén foi un gran poeta satírico e fixo dúas sátiras contra Franco que son demoledoras, eran francófobas: unha titulase Home pequeno, fol de veleno.

—E despois tamén destaca vostede a lealdade da persoa, e o escritor, co idioma galego.

—Foi un home moi fiel ao idioma galego. Era un escritor monolingüe como había moi poucos na súa época. Naceu en Córgomo, unha aldea de San Martín de Valdeorras. Alí a xente popular falaba en galego, pero el é fillo dun perito agrimensor que tiñan bastantes viñedos. Era dunha familia rica, e entón, en Galicia, esas familias falaban en castelán. Pero a súa non. El mantívose fiel ao galego, pese a que, como di nalgunha ocasión, da súa vida de 80 anos só estivo 14 na aldea. A outra gran fidelidade que mostrou foi coa República. El escapou de Valdeorras coa axuda do seu irmán, que era o xefe da Falanxe. Chegou a Portugal e Francia, pero decidiu volver e pasou parte da guerra en Cataluña. Coñecía a Santiago Álvarez e a Lister, polo que ía ás veces á fronte do Ebro para animar as tropas.

—A súa actitude co idioma deu pé a unha anécdota nunha das súas visitas a Galicia. Foi con Fernández del Riego?

—Si, pasou en Vigo. O padre Seixas foi no ano 1968 o primeiro en dicir a misa en galego en Vigo. A segunda vez, tras a guerra, que Florencio veu a Galicia foi en 1968. Acudiu con Fernández del Riego a unha misa do padre Seixas. No momento en que o sacerdote dixo a homilía en galego, el botouse a chorar e ao rematar a misa deulle unha aperta ao sacerdote e díxolle que aquilo non o imaxinara nin nos seus mellores soños. El pensaba que o galego tiña que estar en todas as facetas da vida para que puidese ser salvado.