«Hierro» conquista uns Mestre Mateo con Brandariz na memoria de todos

Caterina Devesa A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

As Tanxugueiras recibiron o galardón ao mellor videoclip por «Figa»

20 mar 2022 . Actualizado a las 11:26 h.

O audiovisual galego volveu demostrar o seu potencial no vixésimo aniversario dos Mestre Mateo, que se entregaron onte pola noite nun recinto de Expocoruña irrecoñecible grazas ao traballo de máis de 250 persoas. Humor e música, da man do Coro Sisters In the House, foron os fíos condutores da velada presentada por Lucía Veiga e na que o grupo do momento, Tanxugueiras, tampouco faltaron.

Sabela, Olaia e Aida recibiron un dos primeiros premios da noite, o de mellor videoclip, por Figa de Playplan e Treceamarillo, con mensaxe incluída para o Benidorm Fest: «Din por aquí que gañaron as Tanxugueiras, pero aínda falta o voto do xurado profesional», ironizou Javier Veiga, un dos mestres de cerimonia, xunto con Iolanda Muíños, Alba Mancebo, Chechu Salgado, Isabel Blanco, Moncho Lemos, Alfonso Agra, Mela Casal, Santi Prego e Blanca Cendán. A gran triunfadora da noite foi Hierro, da produtora Portocabo, que dirixe Alfonso Blanco, profesor do Máster en Produción Xornalística e Audiovisual (MPXA). A serie partía con oito candidaturas, das que logrou seis, ademais do recoñecemento á mellor serie de televisión, fíxose co premio á mellor dirección e mellor montaxe, da man de Jorge Coira (que non puido acudir á gala) e Gaspar Broullón, e co de mellor guión, polo traballo de Pepe Coira (que tampouco puido asistir). Igualmente, acadou o galardón á mellor música orixinal e á mellor dirección de produción.

Homenaxe a Pedro Brandariz

Con dous premios menos, un total de catro, a película Jacinto converteuse na segunda gran triunfadora. De feito, un dos momentos máis emotivos, xunto á lembranza aos mariñeiros mortos no Villa de Pitanxo, foi o da entrega á mellor interpretación masculina protagonista para Pedro Brandariz, falecido o pasado 22 de febreiro, e que estivo presente no recordo de numerosos galardoados.

Jacinto tamén recibiu o galardón á mellor dirección de arte, traballo realizado por Samuel Lema, e á mellor maquillaxe e perruquería, da man de Lorena Calvo, que tamén se fixo co premio polo mellor vestiario. O Mestre Mateo á mellor interpretación feminina protagonista foi para Marta Nieto polo seu rol nesta produción, que tamén se levou o galardón ao mellor son. Aínda que Jacinto tamén optaba a levar o recoñecemento á mellor longametraxe, finalmente o premio foi para Tres, de Frida Films, produtora de Luísa Romeo,.

O galardón ao mellor comunicador, no que Paco Lodeiro partía como favorito polo seu traballo á fronte de Atrápame se podes, producido por Voz Audiovisual, recaeu en Esther Estévez polo programa Dígocho eu.

Mención especial recibiu a traxectoria «comprometida coa reflexión, a creación, o feminismo e o noso idioma» de Margarita Ledo, recoñecida co premio de honor Fernando Rey. Ledo recibiu a ovación de todos os presentes, incluída a vicepresidenta do Goberno Yolanda Díaz; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, ou a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.

Profesores e alumnos do MPXA coparon ás nominacións

O MPXA (Máster en Produción Xornalística e Audiovisual) da Universidade da Coruña, que a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre coorganiza coa Fundación Amancio Ortega, contou un ano máis cunha nutrida representación nos Mestre Mateo, o que evidencia que a titulación segue sendo a gran canteira do audiovisual galego. Ademais dos gañadores por Hierro, Tres ou Jacinto, outros profesores do máster figuraban na lista de finalistas. É o caso de Jorge Coira (nominado por Cuñados, cinta que acumulaba 16 candidaturas) e Alfonso Zarauza (Malencolía), que optaban ao premio á mellor dirección; e o de Diego Staub, que tamén estaba na lista para facerse co premio ao mellor son pola serie Hierro.