A Academia Galega homenaxea ao poeta Bernardino Graña

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

Bernardino Braña
Bernardino Braña XOAN CARLOS GIL

O acto, no que participaron amigos do escritor, tivo lugar en Nigrán

20 mar 2022 . Actualizado a las 11:23 h.

«Nesta festa que nos convoca celebramos o mar e a súa profecía, reivindicación do mundo que non queremos deixar que se estrague, pois forma parte da nosa memoria do que somos e do que queremos transmitir aos que veñan despois», afirmou Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, para iniciar o acto de homenaxe a Bernardino Graña que tivo lugar onte no auditorio de Nigrán e no que estivo presente o poeta.

A directora da sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre, asumiu a condución desta celebración da poesía mariña do autor nado en Cangas hai noventa anos. Dixo a escritora e académica que «como un mascato, Bernardino Graña érguese sobre o mar para o cantar. É a voz do mar, das ondas, carromeiros, baleas e candorcas, mais tamén, ao navegar sachando na súa historia que é a nosa, é a voz dos mariñeiros que falan a través da súa gorxa».

Pola súa banda, Xesús Alonso Montero, compañeiro de pupitre do homenaxeado no ano 1943, cando os dous preparaban o ingreso de bacharelato no colexio Academos de Ribadavia, asinou unha loubanza na que subliñou que «xa preludiaba o discurso orixinal e moi pouco convencional co que nos asombraría, a partir de 1958, coa súa obra literaria, nomeadamente coa poética». O expresidente da Academia referiuse a Profecía do mar como un dos seus títulos imprescindibles. «Nese libro figura o celebérrimo poema O gato da tasca mariñeira, sobre o que Fernando Lázaro Carreter, un sabio filólogo, me escribiu unha carta ateigada de gabanzas e agudas observacións», confesou.

Estes versos soaron na homenaxe interpretados musicalmente por Gelria e mais, na parte dos recitados, por Ramón Lorenzo, un dos mozos galeguistas cos que Bernardino Graña compartiu experiencias e arelas no Grupo Brais Pinto no Madrid de finais dos anos 50.

Os académicos Ramón Lorenzo e Fina Casalderrey recitaron versos do homenaxeado canda Xosé María Álvarez Cáccamo, Alexandre Ripoll, Lucía Novas, Alexandre Nerium, Marta Dacosta, Héitor Mera e Miro Villar. Tamén participarán no recitado Rosalía e Navia Franco Barreiro, fillas do académico Xosé Luís Franco Grande (1936-2020), quen tiña previsto participar nesta homenaxe posposta pola pandemia. De feito, Franco Grande deixou escrita unha lembranza de Bernardino Graña para o folleto desta celebración adiada dende 2020 por mor da pandemia. Nela, recordaba o outono de 1954, o ano no que se coñeceron, aínda que xa escribían dende tempo atrás. Daquela Bernardino Graña xa era un poeta coñecido, porque publicaba na revista Alba e gañara o primeiro premio das anovadas Festas Minervais, e o mar era xa «sempre tema de conversa».