Cancións pola morte da súa nai

Javier Becerra
javier becerra REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Esquerda: portada do disco «Erosión» coa talla de Francisco Remiseiro. Arriba: imaxe de Teresa Vecino co seu fillo Alberto de neno. Abaixo; Alberto Vecino, Rocío Fernández, Matías Unruh, Mara Pérez e Rubén Domínguez, os músicos que gravaron «Erosión».
Esquerda: portada do disco «Erosión» coa talla de Francisco Remiseiro. Arriba: imaxe de Teresa Vecino co seu fillo Alberto de neno. Abaixo; Alberto Vecino, Rocío Fernández, Matías Unruh, Mara Pérez e Rubén Domínguez, os músicos que gravaron «Erosión».

O grupo Chicharrón recolle no disco «Erosión» a agonía final dunha muller vista polo seu fillo

25 sep 2022 . Actualizado a las 19:55 h.

Teresa Vecino tería que facer 68 anos o pasado 1 de marzo. Ese día editouse Erosión, o disco de Chicharrón, grupo do seu fillo Alberto Martínez. Relata en dez pezas o calvario que sufriu entre setembro e outubro do ano pasado, antes de morrer. «Foi un mes terrible. Ingresou por urxencias porque levaba catro anos cun tumor cerebral e xa vimos que non había nada que facer. Aí foi cando empecei a escribir as cancións», comenta o músico, que xunto a Rubén Domínguez e Mara Pérez forma a banda. «Dubido se é o disco máis importante dos que fixen, pero si é o máis necesario de todos», engade o artista de Carballo.

Realmente, Erosión supón o fin dunha triloxía que completan Cancións clínicas (2018) e Unha fogueira intacta (2021), inspirados na enfermidade da nai. Mentres que no primeiro se colaban as estancias no hospital e as disfuncións da sanidade entre unha sorte de dream-pop atmosférico, no segundo agromaba unha pequena luz de esperanza nun discurso de escuro rock electrónico. Agora, para retratar o sufrimento no último alento da vida, tiran de guitarras acústicas tocadas dunha maneira percutiva. «Quería a guitarra como fío condutor dun disco que reflicte un montón de sensacións, pesadelos e tamén recordos. Un deles, non sei por que, foi a miña adolescencia, cando empecei a tocar. Entonces facíao así, como unha especie de percusión nunha guitarra que me regalou a miña nai. Tocábaa no seu taller de costura, que agora é o noso local de ensaio. Todo iso ligouse na miña cabeza», di Martínez.

Ese tratamento acústico acolle silencios reflexivos e berros de dor extrema. Tamén poesía de barcos encallados na Costa da Morte e alucinacións con asasinos que se colan baixo as sabas de soños enfermos no hospital. Un diario musicado da agonía. «As cancións están feitas en orde cronolóxica. Escribín unha cada dous días», di o compositor. «Sinto que isto remata» é a primeira frase de Somos o silencio da súa memoria loitando, o primeiro tema. O noveno, Sede, composto o día que morreu Teresa, enmarca o final cunha imaxe: «O sol rendéndose na beira». Era o que se vía nun día de néboa dende a fiestra do Centro Oncolóxico de Galicia, onde faleceu Teresa. A esa liña engadiulle: «Agora que estás ao meu lado outra vez, xúroche que xamais espertarei». A frase aparecera xa nunha canción de Franc3s, a banda anterior de Alberto: «Púxena noutra canción dedicada un amigo morto. Miña nai díxome unha vez que soñara co meu pai, que morreu hai 13 anos. No soño estaban xuntos. Agora que están enterrados no mesmo lugar, quería que iso pechase a canción».

O disco remata con Cando devala, escrita semanas despois. Trátase dun tema no que se sublima a enerxía de disco. «Este foi un traballo de grupo, non algo en solitario. Fíxeno coa xente que quero moito e quixen plasmalo», indica. A Mara, a súa muller, e Rubén uníronse nesta ocasión Matías Unruh (produtor), Rosalía Fernández (acordeón) e Adrián Charlín (batería). Todos conflúen nuns «la la la» finais nos que canta tamén Xoán, o fillo de Alberto e Mara. É dicir, nova vida para sobrepoñerse á morte.

O día deses 68 anos nunca chegados foi o elixido para publicar este traballo, que na súa cuberta recolle unha talla de Francisco Remiseiro dunha muller crucificada como Xesús. Na versión física contou cunha edición en casete. «O primeiro da triloxía foi en cedé, o segundo en vinilo e este vai así», resume. Só saíron 68 unidades, para manter o simbolismo «dun disco moi especial».