Reivindican o talante plural, dialogante e de consenso de Carlos Casares

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Encontro en lembranza e vindicación de Carlos Casares, en Ourense.
Encontro en lembranza e vindicación de Carlos Casares, en Ourense. Santi M. Amil

O Liceo de Ourense acolleu o primeiro encontro dos vinte anos sen o autor de «Vento ferido»

09 mar 2022 . Actualizado a las 12:46 h.

Na xornada previa ao grande acto de homenaxe que se desenvolve este mércores 9 de marzo no cemiterio de Nigrán, onde está soterrado o escritor, ningún escenario máis acaído que o Liceo de Ourense para lembrar a Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 2002). O autor de O sol do verán falaba da súa segunda casa ao referirse á entidade social da zona monumental da cidade, espazo onde organizaba os seus famosos encontros literarios e que dende hai oito anos preside o seu irmán Xabier Casares. Para rememorar ao escritor xuntáronse Xosé Carlos Caneiro, Mariana Carballal e Håkan Casares Berg na mesa redonda 20 anos sen Carlos Casares. Exercendo como introdutor dos ponentes o secretario da Fundación que leva o nome do autor, Gustavo Garrido.

O moderador lembrou que o de Ourense era o primeiro dos actos do ciclo e que o mesmo non ten como obxectivo facer un recordo de Casares «senón incidir e ver como evolucionou a cultura e o país nestes vinte anos». A actriz e profesora da ESAD Mariana Carballal recoñeceu que nun principio cavilou que o encontro non era o sitio onde debería estar, senón na concentración do 8M, pero que o nome do escritor actuara coma un imán para ela. Decantouse polo xénero epistolar e leu unha carta dirixida ao escritor para agradecerlle a súa aposta polo teatro, darlle conta da existencia dunha vizosa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia —e de paso lembrar o seu apoio para a instalación en Vigo—, falarlle das montaxes que se levan feito nos últimos tempos de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas e A galiña azul, de como se forman as xeracións que trunfan no cine e no teatro e de como medran os festivais. Despediuse del lendo un dos seus textos: Unha señora vestida de marrón, dedicado a Irene Papas.

Xosé Carlos Caneiro lembrou ao home «de concordia, acordo, tolerancia, compañía, vontade de achegar e non separar», á persoa que non quixo repoñerse e buscou o consenso e amizade «cando tantas labazadas lle deron por unha columna de opinión hai anos» e ao amigo co que compartía actos, presentacións e encontros no propio Liceo. Recordou a anécdota de cando un día estaban na sociedade e xa ían fóra de tempo para escribir a columna diaria de A Marxe, sen que o escritor se amosase preocupado. Aproveitando o espírito do encontro, Caneiro dixo que vinte anos despois vía a Casares como presidente da Real Academia Galega, e que a RAG era unha academia de consenso, plural, onde se chegaba a acordos, non se discriminaba á provincia de Ourense —«só hai un académico ourensán»— e non se facían cousas como a do galego en Asturias. Logo de facer un documentado informe comparativo sobre a cultura galega, Håkan Casares tirou de sentimento para asegurar que, vinte anos despois, preferiría non ter a un pai de presidente da RAG senón a un que xogase cos seus fillos e compartise o tempo cos amigos.

O primeiro dos encontros dos vinte anos sen o escritor ourensán pechouse coa interpretación dos temas Carlos Casares e A galiña azul —con letra de Armando González— por parte da cantante María do Ceo.

Fugas recorda ao escritor da man dos fillos e amigos

A revista Fugas, que se entrega o venres con La Voz, ten un fío especial: a lembranza de Carlos Casares (Ourense, 1941-A Ramallosa, Nigrán, 2002) da man dos seus fillos, de persoas que o coñeceron de preto e que atesouran parte do seu legado máis descoñecido, anecdótico e persoal, amais doutros escritores que o coñeceron pola lectura da súa obra e admiten unha afinidade ou parentesco literario con el.

Ao longo de 12 páxinas, este número especial da revista de cultura e ocio de La Voz recupera a voz de Carlos Casares nunha selección dalgúns dos petiscos de humanidade, crónica social e humor cos que agasallaba aos lectores da súa sección Á marxe, que firmou nas páxinas deste xornal desde os oitenta ata o mesmo día da súa morte, que o seu estreito colaborador e amigo Xosé Soutullo, director da Fundación Penzol, recorda como unha labazada á primeira hora da mañá. El é unha das personalidades que recordan en Fugas «ter tomado miles de cafés con Casares», e ser testemuñas directas da súa capacidade fabuladora, coa que ese erudito Casares que non ostentaba o saber entrou como ninguén nas casas dos galegos que vían como ía rematando un milenio entre o recordo de Olof Palme, o misterioso caso dos callos de Manuel Murguía, o gusto por coleccionar trens eléctricos ou a ollada crítica do gato Samuel, que coñecerán todos os lectores asiduos das columnas de Á marxe.

Neste especial, Fugas entrevista a fondo aos dous fillos do escritor, Håkan e Christian Casares, que recordan ao pai como un agasallo da vida. «Todos os días da semana despois de comer estabamos unha hora de tertulia», recorda o primoxénito, que opina que o seu irmán pequeno, Christian, é o que máis se parece ao pai, o que «herda del o sentido moral da vida». O recordo da nai, a esposa de Casares, Kristina Berg, que era mariña; de como se coñeceron e namoraron e os contos que o escritor fixo só para os seus fillos son parte da achega que atopará o lector de Fugas, que conta cun retrato escrito por Ramón Loureiro, quen subliña que a Galicia que Casares encarnaba tiña unha «intensidade que non lle pasaba desapercibida a ninguén». Xunto a Loureiro, premio Julio Camba, autor do libro Casares (Trifolium), alumea o recordo do autor de Vento ferido e Deus sentado nun sillón azul o humorista Siro López, que recorda ao colega e amigo como «O Rei das Sobremesas», así con maiúsculas, e non esquece como a muller de Carlos, Kristina, «adoitaba botarlle a man polo lombo, ollalo de arriba a abaixo e dicirlle cun acento graciosísimo: “Como che vai, Casares?”».

Fugas conta coas achegas de Henrique Monteagudo, amigo e autor da biografía Carlos Casares, un contador de historias, e de Manuel Rivas, que afirma que a chave da escola Casares é dobre: son o avó Herminio e a avoa Francisca.

A pegada de Casares como mestre e como pioneiro no xénero da literatura infantil, co supervendas A galiña azul e a serie Toribio, tamén nun Fugas que descobre os fillos literarios do autor. E amosa o cariño por Carlos Casares que aínda sente a nosa Redacción.