Unha mostra para enxalzar o valor da produción audiovisual do país

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O pase de «Dhogs» inaugura a terceira Semana do Cinema Galego, que acolle o teatro Colón da Coruña.
O pase de «Dhogs» inaugura a terceira Semana do Cinema Galego, que acolle o teatro Colón da Coruña.

A terceira Semana do Cinema Galego abre este martes coa proxección de «Dhogs»

08 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O obxectivo é enxalzar o valor da produción audiovisual do país, visibilizar o bo traballo dun sector puxante, explica Carmen Méndez, actriz e voceira da AGA (Academia Galega do Audiovisual). Para iso impulsan a Semana do Cinema Galego, cuxa terceira edición se inaugura este martes como aperitivo á gala de entrega dos Premios Mestre Mateo, que se celebrará o próximo 19 de marzo.

Na apertura, o teatro Colón da Coruña acolle ás 20.00 horas a proxección da película de Andrés González Tella (Meira, 1983), coñecido artisticamente como Andrés Goteira, Dhogs, a cinta máis laureada da historia dos Mestre Mateo, ao acadar 13 estatuíñas no 2018. Goteira, por certo, opta este ano ao mellor documental con Welcome to ma maison. O festival —sen ánimo competitivo— concluirá o próximo domingo cunha clausura protagonizada por A galiña Turuleca, Goya á mellor longametraxe de animación no 2021.

Entre ambas obras, mércores, xoves, venres e sábado, os espectadores poderán desfrutar, a un ritmo de dous filmes diarios, dos catro finalistas ao premio Mestre Mateo á mellor longametraxe de ficción e tamén dos catro candidatos ao mellor documental: Cuñados, Jacinto, Malencolía, Tres, A poeta analfabeta, A virxe roxa, O gran camiño e Welcome to ma maison. «Queremos volver a levar ao cine películas que xa pasaron polas salas comerciais, algunhas moi poucos días, pero tamén exhibir outras que nin oportunidade tiveron», recalca Méndez para insistir na calidade destes traballos que ofrecen unha interesante panorámica do que se move no sector en Galicia, que, di, é moi diverso e concita autores e miradas moi diferentes, desde o ámbito do documental, o experimental, o comercial, o cinema de autor... Obras, moitas delas, que acadaron unha gran proxección internacional con presenza nos festivais máis importantes.

«Trátase de concentrar nuns días o máis salientable da produción galega do ano, o máis recente e o máis recoñecido, de achegarlle o noso traballo ao público, que pode acceder non só aos filmes en pantalla grande, senón tamén ao labor que hai detrás de cada obra. Porque cada pase acompañarase do contacto directo cos profesionais a través dunha charla coloquio con membros dos equipos técnico e artístico», engade Méndez, que subliña a relevancia do encontro entre afeccionado e industria.

O teatro Colón será por uns días o epicentro do cinema galego ao albergar unha cita consagrada ao talento máis próximo. «O audiovisual galego vive un bo momento —corrobora Méndez—, por fin entendemos que dende Galicia e en galego chegamos onde queiramos. A xente o que quere é autenticidade, e demostrouse que coa lingua propia un viaxa ata calquera parte do mundo. Estamos ben, pero hai marxe de mellora. Debemos pedir máis cine, máis producións. Hai presente e hai futuro, pero cun maior apoio institucional faríanse máis e mellores cousas», conclúe.

Na tarde do martes, para o pase de Dhogs, o público poderá conversar co director do thriller, Andrés Goteira, os actores Antonio Durán, Morris, e María Costas, e as produtoras Laura Doval e Sara Huerta.

As entradas son gratuítas previa retirada en Ataquilla.com ou na billeteira do teatro. Para Cuñados e A galiña Turuleca están xa esgotadas.