Agalega

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

O navegante galego ao servizo da Coroa portuguesa João da Nova (Maceda, Ourense, 1460-Kochi, India, 1509).
O navegante galego ao servizo da Coroa portuguesa João da Nova (Maceda, Ourense, 1460-Kochi, India, 1509).

08 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai xa algúns anos, nun restaurante de estrada, descubrín un mapamundi xigante que tiñan colgado nunha das súas paredes. O mapa era espectacular e os detalles minuciosos, amosando poboacións ben pequenas de todo o mundo. Como gran apaixonado destes temas que son, estiven un bo anaco ollando para el. Lembro que quedei abraiado ao ver que no océano Índico ao noroeste da illa de Madagascar había dúas pequenas illas case unidas chamadas Agalega, nome derivado do orixinal A galega, e pertencentes ao arquipélago das illas Mauricio. Esa foi a miña primeira sorpresa, pero houbo outra aínda máis curiosa; un pouco máis ao sur de Agalega topei o arquipélago Cargados Carallos, un grupo bastante numeroso de pequenas illas e illotes estendidos nun arrecife e pertencentes tamén ao mesmo arquipélago das Mauricio. Como pobo de grandes navegantes que fomos pensei que eses topónimos indicaban que algunha relación podería haber.

Indaguei un pouco e descubrín que o personaxe que descubriu e nomeou aquelas illas era Joao de Novoa ou Joao da Nova. Un home nado en Maceda (Ourense) no ano 1460, descendente dunha familia de liñaxe nobre que fuxiu a Portugal durante a gran guerra Irmandiña. O mozo Joao afíxose ben á nova patria e grazas á súa valía chegou incluso a ser alcaide de Lisboa en 1496 nomeado polo rei Manuel I O venturoso. Ao servizo da coroa portuguesa foi descubridor de moitos outros lugares ou cando menos fóronlle atribuídos a el. Nomes máis coñecidos como illa Ascensión, ou illa Santa Elena no 1502, as dúas territorio británico da ultramar e esta última, lugar onde Napoleón Bonaparte pasou os seus últimos anos de vida deportado dende 1815 ata a súa morte en 1521.

O mesmo Joao da Nova ten un pequeno illote de 4,4 quilómetros cadrados co seu nome, situado entre Mozambique e Madagascar, que tamén descubriu no ano 1501, na actualidade baixo administración francesa. Hai pouco estiven de visita no histórico castelo de Maceda e alí relembreime deste navegante-explorador e da súa fascinante historia que descubrín casualmente no mapamundi daquel restaurante de estrada. Cantas historias nos chegaron e cantas se perderían?