Suso Fandiño: «O espectador é o que ten que rematar a obra coa súa lectura»

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

Amosa no CGAC «as teimas» que o acompañan na súa traxectoria

07 mar 2022 . Actualizado a las 20:11 h.

Wunderkammer, unha cámara das marabillas. Esa é a proposta do artista Suso Fandiño (Santiago, 1971) no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) ata o vindeiro 15 de maio. Neste proxecto expositivo, enmarcado no programa do museo dedicado a creadores galegos de media carreira, o compostelán aborda, entre outras cuestións, o xogo político de fronteiras, a futilidade do discurso hexemónico da historiografía artística ou a construción da identidade.

—Que supón para vostede protagonizar unha das exposicións que o CGAC lle dedica aos artistas de media carreira galegos?

—É un auténtico pracer porque para a miña xeración o CGAC foi unha especie de vaca que nos aleitou a todos. Nacemos nas primeiras promocións de Belas Artes e nacemos contemporaneamente ao CGAC. O museo eran outras aulas. Para min non é un museo calquera, forma parte da miña educación visual. É algo marabilloso porque é xogar na casa e nunha casa que un quere moito. Por outra banda, en referencia á media carreira, considero moi oportuno a traída a colación por parte dos espazos institucionais dos artistas que nos situamos nesa especie de travesía do deserto que supón nin ser emerxente, por unha banda, nin ser unha persoa da que poidas falar en ton retrospectivo. Estamos nunha certa terra de ninguén, o que provoca que moitas voces se vaian apagando. Estou pensando especialmente nos casos de moitas compañeiras artistas que nesta idade afrontan a maternidade, e iso fai que a súa visibilidade sexa menor, ou doutra xente que ten todo de complicacións para ser artista a partir de determinada idade. Deste xeito, é moi interesante polo que ten de sostenibilidade do sistema artístico galego porque crear emerxencia que se converte sempre en efervescencia non é sostible porque non chegaremos ás retrospectivas se nos esquecemos de todos eses artistas emerxentes cando cumpren os 40 anos.

—Que buscou nesta cámara das marabillas na que converteu o CGAC?

—Achegámonos ao concepto de Wunderkammer porque eu son moi caótico. Fun coleccionista non de arte, pero si de obxectos. Entón, a miña colección era iso: unha colección de rarezas, un caos que tiñamos que organizar entre Mónica Maneiro [a comisaria] máis eu. Wunderkammer é unha exposición que transita polos camiños que teño percorrido desde a miña faceta máis achegada á historia da arte. Son licenciado en Belas Artes e, ao mesmo tempo, en Historia da Arte. Non me considero un investigador, pero si unha persoa curiosa. Entón, na exposición están esas teimas, esas achegas, e está a idea de compartilas desde unha posición non dogmática, desde unha posición onde o artista case é un mediador co espectador, que é o que ten que rematar a obra coa súa lectura. Non propoño en ningún momento solucións máxicas, porque non existen, máis ben intento, con toda a modestia do mundo, mellorar algunha das preguntas que hai ao redor da arte actual.

—Están as súas teimas, pero descartaron unha mostra retrospectiva. É obra recente.

—Nun formato de media carreira penso que non é unha idea de retrospección cara atrás, e si é unha idea de diálogo. Hai algunhas obras de 20 anos, dos meus inicios.

—Nesa balanza entre o investigador e o artista plástico, cara a onde se inclina máis?

—As dúas facetas están unidas sempre. Na exposición si hai unha grande introspección cara os obxectos que me teñen acompañado nas investigacións e, nalgunhas ocasións, traspasan unha certa fronteira cara a converterse facilmente en obxectos sobre os cales reflexionar a través da arte, porque a arte non deixa de ser unha linguaxe. Intento que a mensaxe enviada sexa totalmente aberta, que teña a capacidade de comunicar e trasladar debates.

—O espectador é tamén creador da obra?

—Traballo moito desde a literatura, gústame moito a poesía e nela ninguén cuestiona que unha metáfora é interpretada por quen a escoita. Síntome cómodo nesa linguaxe na que o autor é quen de abrir un argumento para que o espectador dialogue coa obra. É algo moi vello pensar que o espectador é o último autor dunha obra.

—Con algunhas pezas fai unha lectura da historia da arte. Defende que a ollada debe ser transversal. Por que?

—A proposta categórica paréceme completamente práctica para traballar, pero creo que hai unha maior potencialidade se observamos a historia da arte desde unha perspectiva menos clasificatoria ou clasificatoria. Nesa lectura transversal chegas moitas veces á conclusión de que a historia da arte se está repetindo continuamente. O Paleolítico era figurativo, pero xa o Neolítico foi abstracto. A partir dese momento o que pasa é que a historia da arte se repite dun xeito relativamente cíclico.

«Fixéronse museos pero non se creou o público»

 

 

«Creo que toda a arte é política», di Suso Fandiño, que entre as pezas que inclúe na mostra —tres delas feitas especificamente para o CGAC— reflexiona sobre o uso político da arte, así como a banalización do feito cultural, que se aprecia cando contrapón o Guggenheim ou o Museo do Prado con praias.

Como valora que os museos se convertan en puntos de peregrinación turística?

A finais dos 90 prodúcese un proceso de inflación na construción de espazos culturais, o cal é marabilloso; pero esa inflación que deixou unha España chea de museos de arte contemporánea non foi parella a unha inflación na mellora na calidade do ensino a moitos niveis. Os edificios deseñados por grandes arquitectos son fáciles de construír e rendibles politicamente, pero as políticas de ensino que proporcionan unha maior preparación teñen un desenvolvemento contrario, non hai que esquecer o continuo retroceso das humanidades no ensino secundario. Temos feito gran cantidade de museos, que conectamos marabillosamente dentro do ámbito banal e do turístico, pero non temos creado, dalgún xeito, os espectadores, o público, para habitar eses museos.

—Di que non se crearon os espectadores, dalgún modo faltan as claves para interpretar esas obras de arte contemporánea?

Si, faltan os códigos de lectura. A linguaxe da arte, igual que a linguaxe escrita, está elaborada nun idioma, cun tipo de letra, de tipoloxía... E eses códigos descoñécense. Pódesme proporcionar un libro de Tolstói, pero se está escrito en ruso non vou entender nada por bo que sexa.

—Tamén pon o foco no «Guernica», de Picasso.

—Nos guste ou non é a imaxe aportada polo século XX ás grandes capas de poboación. É a imaxe máis mediática achegada desde a arte.