O 39 % da poboación ve insuficiente a oferta cultural en galego para a rapazada

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Valentín García, Rosario Álvarez e Håkan Casares presentaron as conclusións do informe
Valentín García, Rosario Álvarez e Håkan Casares presentaron as conclusións do informe xoan a. soler

Un informe do Consello da Cultura reflicte a demanda de máis produtos

05 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Un 5,01, é dicir, un aprobado raspado. Esa é a nota que lle pon a poboación galega á oferta cultural enfocada á rapazada na lingua propia. Así o recolle o informe Oferta, demanda e prácticas culturais nos menores de 16 anos elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura, co apoio técnico de Sondaxe. Para o 39 % dos enquisados, as propostas na lingua propia son insuficientes, fronte ao 61 % que lles outorgan unha nota por enriba do cinco ou máis —case un 5 % póñenlle un sobresaínte—. «Aqueles que teñen máis coñecemento da oferta son os que valoran máis negativamente a ofrecida á cativada», subliñou Håkan Casares, coordinador do Observatorio.

O informe, baseado nunha mostra de 900 entrevistas e cunha submostra en fogares de menores de 16 anos, recolle que o único que a maioría da poboación percibe como suficiente é a oferta de libros en galego. No resto de produtos e servizos, considérase insuficiente. Así, destaca o cine na lingua propia, cun 76,9 % dos enquisados que consideran que a oferta é escasa. Pola súa banda, un 66,2 % dos enquisados ven insuficientes os videoxogos en galego, un 66,1 % a oferta de contidos audiovisuais e un 65 % os espectáculos.

O estudo tamén constata, segundo destacan desde o Consello da Cultura, unha demanda crecente de produtos culturais en galego. Nese sentido, a cidadanía require máis oferta en practicamente todos os ámbitos. Os contidos culturais en galego para menores de 16 anos que a cidadanía considera máis interesante potenciar son, segundo as conclusións do estudo, a lectura, os xogos (tradicionais e educativos), o cine, o resto de contidos audiovisuais e o teatro. No traballo tamén queda patente que «tenden a consumir máis produtos en galego os menores que viven en fogares onde se consome máis cultura en xeral».

Agasallos na lingua propia

Unha das partes do estudo tamén analiza a vontade de agasallar na lingua propia. Os datos neste ámbito amosan que a poboación galega ten boa disposición a facelo —7,6 puntos sobre 10—. Ademais, resulta interesante salientar que entre a xente máis nova, estudantes e persoas que lles falan en galego aos seus descendentes, o interese en regalar produtos culturais aumenta cando están elaborados especificamente en lingua galega.

O consumo da cultura que fan os menores é outro dos parámetros que analiza o informe, que se encadra dentro das accións no convenio do CCG coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Nese aspecto, as conclusións amosan un patrón común: «o consumo de produtos en galego é sempre inferior ao consumo en xeral». Así, por exemplo, un 37,4 % dos menores non escoitan música en galego fronte ao 5,2 % que non consomen música en xeral. Algo similar pasa coa televisión, onde un 37,2 % da rapazada non segue os contidos na lingua propia.

Para a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, o informe amosa que «aínda queda moito camiño por percorrer». Iso si, aprecia tamén datos positivos. «Observo que a oferta en galego non satura», apuntou, engadindo que «algúns ven o feito de estar en galego como un elemento positivo».

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, resaltou que unha das materias pendentes «é fomentar o hábito de consumo en galego». Para el, o máis importante á vista do informe é que a demanda de produtos culturais en galego medra. Ademais, incide en que en certas capas da sociedade advírtese unha certa predilección á hora de consumir propostas na lingua propia.