No disco hai un tema que ben podería condensar a esencia da banda. Trátase de A xustiza pola man, un poema rabioso de Rosalía de Castro que flúe sobre as guitarras do Fight For Your Right dos Beastie Boys. Todo con suplemento de gaita. «En directo dicimos: “Imos tocar unha canción de Rosalía”, e a xente non pensa en Rosalía de Castro», comenta cun sorriso. Cualifica a escritora como «radical» e resalta a vixencia do texto: «É unha chamada total á rebeldía. Eu só cambiei un par de palabras. Metinlle a palabra plusvalía e oligarquía».
No final de Organización nautilis canta: «Se nos organizamos follamos todos». Reixa explica que a vida social ten moito que ver coa sexualidade: «O sexo debe unir as persoas, sobre todo nun momento no que culturalmente polo menos está condenada a violencia de xénero, debemos reivindicar o desexo», conclúe.