Lamazares: cántico espiritual

CULTURA

O pintor lalinés Antón Lamazares, no seu estudio de Madrid.
O pintor lalinés Antón Lamazares, no seu estudio de Madrid. Joaquín Cortes

26 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O pintor galego Antón Lamazares acaba de presentar en Madrid unha exposición pictórica baseada no Cántico espiritual de San Juan de la Cruz (1542-1591), reformador da Orde da Nosa Señora do Monte Carmelo e cofundador da Orde das Carmelitas Descalzas con Santa Teresa de Jesús. A obra de Lamazares preséntase desde unha visión profunda do propio cántico, para o que crea os signos do seu Alfabeto Delfín, que é á vez un misterio que hai que desentrañar e aprender para poder profundar no propio Cántico. Porque Lamazares non se fía das letras dun abecedario contaxiado do cotián.

Así xorde a súa obra. Cun alfabeto novo que hai que aprender para poder chegar ó contido profundo (pictórico e literal) do espírito do Cántico. Algo que, paradoxalmente, ten moito de reverencia quizais profana pero nunca profanadora. Porque Lamazares participa desa espiritualidade desde a súa vertente máis creativa, pero que non sempre coincide coa súa realidade vital. Dito noutras palabras: el non é San Juan de la Cruz, pero si que aspira a ser un dos máis creativos servidores da súa obra.

¿Consígueo? Obviamente a súa proposta convida ó debate e, como en toda porfía, caben moitas posicións. Eu coido que a intención máis profunda e verdadeira da obra é alimentar as reconsideracións espirituais que nos poñen en pé sobre minguadas realidades. Porque aquí quen se expresa é un pintor que busca o cerne expresivo da súa obra, amosando no empeño toda a súa capacidade creadora e, polo tanto, inventora.

Lamazares quere revelar o misterio do profundo, o perfil do oculto, a luz da verdade verdadeira. E por iso dialoga co propio Cántico espiritual, para crear (para pintar) unhas respostas posibles, desexables, convincentes… ¿Logra o seu ambicioso obxectivo? Nunca o saberemos. Nin el o saberá. Mais, o propio intento —esforzado— de establecer ese diálogo, ten, polo pronto, un froito claro: unha obra pictórica moi orixinal e moi creativa. E, se cadra, era isto o que buscaba o autor, deixando todas as demais conxecturas para os que ollamos as súas visións con admiración, pasmo ou alucinación. A resposta está soprando no vento, como nos cantaba (e encantaba) Bob Dylan.