Poeta matriótico...

CULTURA

Florencio Delgado Gurriarán
Florencio Delgado Gurriarán cedida

25 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Cómpre comezar a falar de Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), escritor nado en Córgomo, nas terras de Valdeorras, e falecido no exilio aos 84 anos de idade. Este 2022 os letraferidos do país van descubrir, na obra de Delgado Gurriarán, unha personalidade literaria moi interesante, ás veces con aspectos pouco sospeitables no seu labor de poeta.

Os eruditos saben que se estreou co poemario Bebedeira no ano 1934, libro dun Baco valdeorrés que, alén de cantar as uvas, o viño e os viñedos da fértil comarca de Valdeorras, canta as cousas, as xentes e os aconteceres daquela terra, a súa matria. Estamos ante un auténtico e fulgurante poeta matriótico, pois fulgor hai nas súas brillantes metáforas hilozoístas, ese recurso no que as realidades da natureza se humanizan, como naqueles versos onde describe o Sil deste xeito: «As penas gardas civís, / ao río Sil lévano preso. / Seica din, que aló no monte, / zugoulle o sangue aos regueiros; / esforciou doncelas fontes, / e arroubou o ouro das serras / para gastalo no mar / no cabaret das sereas».

Xa no exilio mexicano, desde 1939, seguiu evocando a comarca natal, as terras de Valdeorras, a patria pequena e íntima, a matria, tamén no que ten, como toda mater, como toda mai, de amantiña e garimosa. Gran poeta matriótico! Pero en Florencio hai outras musas, tamén a patriótica, pois foi, galeguista convencido, poeta da causa de Galicia, da Galicia que inspirou, sen xenreiras, versos memorables sobre todo a partir de 1963, ano no que publica, en Vigo, Galicia infinda, libro no que hai máis emoción que reivindicación, actitude moi vixiada pola censura franquista. Fóra da gadoupa censoria, publica nun periódico de Bos Aires Galiza ergueita, de 1958, con versos de denuncia coma estes: «Nos grillóns que te apreixan e aferrollan, / nas pexas que lle poñen á túa lingua».

Foi Delgado Gurriarán, xa nos tempos da República, autor de orixinais poemas sociolingüísticos, nos que ridiculizaba o castrapo ou nos que defendía a toponimia non deturpada, a toponimia enxebre: poesía patriótica tamén. Sobre a súa musa plural, moi plural, volveremos.