A. S. F., 80 anos

CULTURA

18 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Oito décadas de traballo útil e moi necesario o que este lingüista leva facendo, dentro e fóra das aulas, con rigor, con paciencia, con fondo compromiso e, cada día que pasa, con máis erudición e mellor criterio. Profesional de moi amplas lecturas humanísticas, pertence a unha especie moi rara de intelectuais: a daqueles que non devecen por unha foto, que non saben dárense pote e que nunca reclaman estaren na punta da póla. Infelizmente para el, ten nome e apelidos: Antón Santamarina Fernández, que hoxe, 18 de febreiro, cumpre oitenta anos e está na flor do traballo.

Naceu nas terras estúrdigas da Fonsagrada, nunha aldea case mítica que se chama San Martín de Suarna, no ano 1942. Naceu nun berce socioeconómico intermedio: nin no dos celeireiros, que pasaban as súas larotas, nin no dos que tiñan don, que comían quente e lambetadas os días santos e os días soltos. Pero era sobriño dun filólogo exiliado nos Estados Unidos, Leonardo Santamarina, co que, por certo, en 1965, visitou, naquel país, a Tomás Navarro Tomás, cidadán e filólogo egrexios no exilio. Tamén as estúrdigas terras fonsagradinas foron visitadas, arredor de 1930, por un coñecido filólogo alemán, Walter Ebeling, nazi, aínda que bo dialectólogo. Todo isto está na xénese do gran lingüista Antón Santamarina, que, no curso 1960-1961, no Instituto Masculino de Lugo, foi alumno de dous grandes profesores humanistas: Joan Vaque Jordi, de Grego, e Amable Veiga, de Latín; tamén recibiu clases de don Dámaso Alonso, autor dun excelso manual sobre a Fábula de Polifemo y Galatea, de Góngora, que era o libro de texto que seguía, naquel centro, o profesor de Literatura. Pero de neno, oíra recitar, arredor da lareira, versos de Curros antievasivos e subversivos.

Hoxe o labor de Antón Santamarina honra a Lingüística galega; aínda máis, a Lingüística románica. No ano 2015, nun Congreso desta especialidade, tiven o privilexio de facer a laudatio deste sobrio e sabio lingüista, e na mesma sesión foi homenaxeado outro lingüista galego, Ramón Lorenzo, que tivo a sorte de ser gabado polo ilustre profesor de Lisboa Ivo Castro.