Convocada a 26.ª edición dos premios de teatro María Casares

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle da popular xerra, peza que acredita aos gañadores das distintas categorías dos María Casares.
Detalle da popular xerra, peza que acredita aos gañadores das distintas categorías dos María Casares. LaDiapo

A Asociación de Actores de Galicia fixou o prazo de inscrición de espectáculos ata o 10 de marzo, e a finais de abril, despois da primeira rolda de votacións, dará a coñecer os finalistas das catorce categorías en xogo

15 feb 2022 . Actualizado a las 15:48 h.

A Asociación de Actores de Galicia (AAAG) convoca os premios de teatro María Casares, cuxa inscrición está aberto ata o próximo 10 de marzo. Neste prazo, as compañías, autores e intérpretes poderán presentar as súas montaxes a concursar nos galardóns do teatro galego que neste 2022 chegan á súa 26ª edición. Poden participar todos os espectáculos de teatro de actor/actriz en lingua galega estreados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do 2021. Tamén as obras estreadas no último trimestre do 2020 que non concorreran xa aos premios na entrega anterior.

Rematado o prazo de inscrición, abrirase a primeira rolda de votacións para que o censo (conformado por preto de 450 persoas da profesión, entre asociados, finalistas e gañadores de anos anteriores, programadores da Rede Galega de Teatros e Auditorios, críticos ou xornalistas culturais) escolla a relación de finalistas en cada un dos 14 apartados no que se divide o certame. Unha vez determinadas as candidaturas, terá lugar a segunda quenda de votacións, da cal sairán os gañadores, que se darán a coñecer nunha gala de entrega que se celebrará no teatro Rosalía Castro da Coruña.

Os María Casares, organizados pola AAAG -agrupación sindical que reúne a máis de 330 profesionais da interpretación e da dirección de escena- coa colaboración de entidades e institucións como a Xunta, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación Aisge, o Padroado de Cultura do Concello de Narón ou Gadisa, entregáronse por vez primeira en 1997 e dende aquela son o gran escaparate do teatro, así como a gran festa para todos os profesionais do sector, como lembra o colectivo que promove esta celebración.

Os galardóns contan con 14 categorías: espectáculo, espectáculo infantil, actriz protagonista, actor protagonista, actriz secundaria, actor secundario, dirección, adaptación-tradución, texto orixinal, música orixinal, iluminación, escenografía, maquillaxe e vestiario.

Na entrega, lerase o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro e entregarase ademais o premio de honra Marisa Soto, que homenaxea e celebra tanto a traxectoria artística de persoas que co seu traballo impulsasen a profesionalización do sector, como tamén a institucións que apoiasen o desenvolvemento das artes escénicas.