A lingua baixo a bota de Franco

CULTURA

05 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai dous meses saíu do prelo, en Galaxia, un libro do profesor Henrique Monteagudo chamado a ser un clásico da materia: O idioma galego baixo o franquismo. Da resistencia á normalización. O autor, especialista en Sociolingüística e nada alleo á glotopolítica, elaborou un volume de 750 páxinas de sabia erudición, construídas a partir de case mil títulos sobre o tema e ao servizo dun relato ateigado de textos e referencias contextuais moi significativos para achegármonos á situación social e cultural do galego durante 40 anos «baixo a bota de Franco» (como titulou Luís Seoane un libro de denuncia da represión política en Galicia). No relato ponse o acento nos anos de chumbo, nos da resistencia, protagonizada por voces, ao comezo do combate, naquel ermo, case heroicas.

Polos meus anos (93), algo sei daquelas duras horas, e, por inclinación e estudos, algo teño escrito sobre a cuestión (o profesor Monteagudo rexistra na bibliografía 24 traballos meus, 12 deles, libros). Agora ben, nunha columna de 2.100 caracteres é metafisicamente imposible ofrecer un resumo desta monumental monografía, que, moi lonxe de ser un centón de citas, é un tratado elaborado coa unidade e a intencionalidade dunha tese. Se no Boletín da RAG dispoño de 20 ou 30 páxinas, esa sería a recensión condigna; esta columna tense que limitar a ser o anuncio, con adxectivos maiúsculos, dun libro que cómpre ter moi en conta.

Franco (a dereita liderada por el), que esmagou a República sen aforrar mortes, miseria e desolación, tamén tronzou, antes de naceren, as posibilidades lingüísticas que o Estatuto de Autonomía do 28 de xuño de 1936 ofrecía ao idioma galego, por primeira vez oficial na súa historia. Do que foi a bota de Franco, para a lingua galega desde 1936, falan, con documentos moi ben lidos, as 750 páxinas deste libro fundamental. O estudo ábrese cunha cita de Franco: «Una unidad nacional..., con una sola lengua, el castellano» (1938). De 1944 é a de Blanco Tobío: «...en España, sembrada de muertos, excomulgados tal vez por Breogán, pero bendecidos por Dios en castellano». Así nos formaron.