Unha obra de arte de 38 toneladas de aceiro que «se desfixo no ar»

H. J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A «copia-orixinal». Tallón posa na sala 102 do museo nacional Reina Sofía coa copia que o propio Serra realizou da súa obra desaparecida «Equal-Parallel: Guernica-Bengasi» e declarou como peza orixinal.
A «copia-orixinal». Tallón posa na sala 102 do museo nacional Reina Sofía coa copia que o propio Serra realizou da súa obra desaparecida «Equal-Parallel: Guernica-Bengasi» e declarou como peza orixinal. Laura Ortega

O escritor ourensán Juan Tallón novela a desaparición da peza escultórica de Richard Serra do museo Reina Sofía, feito neglixente que desatou un escándalo planetario no 2006

14 jul 2023 . Actualizado a las 13:27 h.

O escándalo planetario saltou no 2006. A obra Equal-Parallel: Guernica-Bengasi, unha peza escultórica de aceiro corten de 38 toneladas propiedade do Museo Reina Sofía —adquirida en 1987 polo Ministerio de Cultura por 36 millóns de pesetas—, desaparecera. A instalación fora concibida por encargo polo creador Richard Serra (San Francisco, 1938), quen aceptou despois facer gratis unha réplica e declarala orixinal para cubrir o baleiro, e que tivo ata inauguración oficial, dous anos despois, no 2008.

Non foi aquel gran choque mediático o que moveu ao escritor galego Juan Tallón (Vilardevós, 1975) a novelar o caso. A súa fascinación ten que ver coa facilidade coa que desaparece unha obra tan monumental, fastosa e importante, por como «se desfixo no ar e non foi posible seguirlle a pista. Aquilo hipnotizoume», confesa o autor ourensán, que rápido —di— pasou á «obsesión literaria» —«esbourou dentro de min» no 2008 nunha visita ao museo co escritor arxentino César Aira para ver a copia-orixinal— e deseguida a sentirse defraudado polas expectativas.

«Foron dez anos de frustración —lembra—, non atopaba a maneira de contar. A historia da desaparición era tan potente que quedei cegado por ela. Non podía pasar da primeira páxina. Se non dás coa estrutura que impulse a narración, non hai nada». O misterio é tan intenso que é difícil de desenvolver unha novela de 300 páxinas e manter o misterio; aí está o quid. Pasoulle a Hitchcock —recorda— cando quixo rodar a película O naufraxio do Mary Deare e non puido. Atopar o barco pantasma, sen tripulación, sen persoas, sen botes salvavidas e aínda coas máquinas quentes... «É un punto de partida brutal, o misterio inicial era tan forte que a Hitchcock resultáballe imposible manter o suspense todo o filme. Xa o dicía Borges, o misterio é moi superior á revelación do misterio», subliña.

Perante o bloqueo, o pasmo, Tallón dedicouse a recompilar e xerar o maior número de testemuños de persoas que tiveran algún tipo de relación coa escultura, o encargo, a historia, a investigación, as institucións, os artistas, os académicos... Testemuños en primeira persoa, cada un diferente ao anterior, en distintas épocas, de moi diverso perfil (desde un ministro a un taxista).

E hai tres anos deu coa fórmula, «nese momento a novela estaba acabada, só había que escribila». Cunha perspectiva moi subxectivizada, conformaría un relato longo, moi emocionante, mantendo o misterio de principio a fin. As 78 testemuñas prestadas —dispostas ao longo de 40 anos— configurarían unha viaxe con saltos atrás e adiante, de xeito non lineal, nunha estrutura liberada da escravitude da liña temporal e da única voz, o que lle conferiría complexidade e fondura á historia, explica Tallón, que admite que en Obra maestra (Anagrama; chega hoxe ás librarías) «a arquitectura goberna o libro». Os testemuños son só voces útiles aos tres protagonistas: a escultura, o escultor e o museo.

Non concorre aquí a absoluta ficción de Rewind. «Este é outro tipo de material, non se conforma con ser unha novela, non queda atrapada nun só xénero; é unha suma de novela mais ensaio mais crónica xornalística. Hai traballo bibliográfico, entrevistas, investigación histórica, documentos xudiciais e un uso lexítimo da ficción para xerar un ritmo, para cubrir ocos que non poden ser cubertos con feitos reais ou documentos históricos. Tamén hai personaxes ficticios para «dar cabida a voces que non aparecen, testemuñas que morreron ou non din con elas. É novela, puido ter pasado ou non, pero nunca dá paso a unha alteración da verdade», subliña Tallón.