Arantza Portabales rescata o libro que a converteu en escritora, «Sobrevivindo»

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Sandra Alonso

A autora revisa a obra coa que gañou o Premio de Novela por Entregas de La Voz no 2015 e publícaa en edicións en galego e castelán

12 abr 2022 . Actualizado a las 22:47 h.

Vai xa para sete anos que Arantza Portabales Santomé (San Sebastián, 1973) se converteu en escritora co referendo público do Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia pola súa obra Sobrevivindo. Dende aquel xullo do 2015 en que afloraba unha nova voz na literatura galega ata hoxe pasaron moitas cousas, pero ela seguiu ao seu. E fíxoo con tanto empeño, dedicación e talento que ninguén lle discute agora o seu lugar entre os nomes principais da escena noir da península ibérica. Tanto é así que a edición en castelán dun dos seus títulos senlleiros, Beleza vermella, chega este xoves ás librarías en formato de peto (no catálogo do selo Debolsillo) cunha gran tirada, de varios miles de exemplares, nun lanzamento de dimensións reservadas en España a primeiros espadas das letras no terreo da popularidade e as vendas.

Nesta mesma liña que apunta á figura consolidada, o 3 de marzo aparecerá nas súas versións galega (Galaxia) e castelán (Lumen) unha nova edición revisada da citada Sobrevivindo. Aproveitando que Lumen lle pediu que traducise a súa novela de debut ao español, da que valoraba moito a súa frescura, Portabales propúxolle ao selo barcelonés a posibilidade de reescribila porque consideraba que, «coas limitacións técnicas que fixaba o concurso de novela por entregas de La Voz, quedáranlle moitas e importantes cousas no tinteiro por desenvolver».

Isto non era unha esaxeración. A novela que sairá á rúa nun mes ten 53 capítulos onde antes tiña 31, e preto de 220 páxinas polas 113 da orixinal, pasando así de máis ou menos dezanove mil palabras a 37.000. «A nova versión case duplica en extensión a antiga. Está modificada de arriba abaixo, aínda que mantén o mesmo tipo de estrutura e tamén conserva o seu espírito», explica a autora de Deixe a súa mensaxe despois do sinal.

Xa no intre en que pechou o texto para envialo ao certame de La Voz sabía que estaba moi sometido ás bases do concurso, «todo un desafío», e que deixaba fóra aspectos nos que non puido profundar. Que foi o que modificou no novo relato? «É a mesma historia —aclara—, pero con máis trama, máis intriga e máis profundidade psicolóxica. Aqueles 31 momentos na vida de Valentina Valdés pasaron a ser 53, con todo o que comporta de maior complexidade», sostén.

En Sobrevivindo, Portabales —que andaba daquela inmersa no ámbito dos microrrelatos, unha boa aprendizaxe— xa avisou de por onde ía discorrer a súa carreira literaria ao servir unha narración de intriga, protagonizada por unha muller de forte personalidade, na que non faltaban a ambición e o crime, ademais dun tema de actualidade coma os reality show.

«Toallas ao peso»

«O premio supuxo o meu lanzamento como escritora, pero o meu xeito de escribir mudou nestes anos. Todos medramos, e eu véxome cómoda nese cambio. Precisamente, entendo esta posibilidade de reescritura como un agasallo, polo que ten de exercicio de poder comparar a Arantza do 2015 coa do 2021. Foi un proceso bonito. E, por suposto, creo que hai un avance moi notable e positivo —subliña— tamén entre as dúas Valentinas, a do 2015 e a do 2021». Portabales amósase satisfeita co resultado do traballo feito: «Dígoo con absoluta firmeza. Se non me gustase esta revisión, publicaría a novela vella. Non é unha mera cuestión de engadir, de dar máis tamaño; non é como cando un vai a Portugal, aquí non vendemos toallas ao peso», ironiza Portabales.