E como conmemoración desta efeméride, a Deputación de Pontevedra e Galaxia publicaron unha edición especial institucional. No seu día, a deputada de patrimonio documental e bibliográfico, memoria histórica e lingua, María Ortega, destacou que esta decisión xurdiu tralas conversas co director xeral de Galaxia, Francisco Castro, xa que o selo vigués ten legalmente recoñecidos os dereitos en exclusiva para a edición en papel e dixital de toda a obra de Castelao. «Houbo un acordo total porque entendemos que é preciso colaborar na difusión da obra de Castelao», subliñou ao respecto.
A Deputación distribuirá a publicación a todas as bibliotecas municipais da provincia co fin de que calquera persoa a poida consultar. De igual modo, empregará tamén as copias do Álbum Nós agasallo institucional, «toda vez que é unha obra carismática e emblemática para a cultura galega e o país», cuxo orixinal exponse no segundo andar do museo. Composto por medio centenar de estampas, a adquisición desta colección obrigou a dirección do museo a reformular os contidos da sala Castelao con cambios substanciais, reordenando pezas de catro décadas de traballo do autor datadas dende primeiros anos do século XX ata avanzados os anos corenta. Así, enxalzan, «a peza é, de feito, unha obra extraordinaria pola súa importancia na evolución artística e ideolóxica de Castelao que perfecciona a relación do museo co debuxante galego».