Jorge Moral: «Florencio Delgado Gurriarán é un autor tremendamente contemporáneo»

CULTURA

O barquense fará pódcast sobre o protagonista do Día das Letras
31 ene 2022 . Actualizado a las 11:52 h.Cando un autor é elixido para o 17 de maio comezan a xurdir as iniciativas para dalo a coñecer. Reedítanse as súas obras, publícase algunha que estaba sen ver a luz, aparecen traballos académicos de análise da súa figura e dos seus textos, fanse obras de teatro ou concertos conmemorativos... Son recursos habituais que de seguro van pasar tamén neste 2022 coa figura de Florencio Delgado Gurriarán, pero desde As Letras de Florencio, o proxecto que impulsou a súa candidatura ante a Real Academia Galega para o Día das Letras, quixeron dar un paso máis e buscar un formato máis actual. Xurdiu a idea de facer un catálogo de 12 pódcast —de entre 20 e 40 minutos de duración— que se irán publicando (en Ivoox e Spotify, ademais de nas redes sociais e na web asletrasdeflorencio.gal) de aquí a decembro, o último domingo de cada mes. Detrás da iniciativa está Jorge Moral (O Barco de Valdeorras, 2000) estudante de Socioloxía, relacións internacionais e cooperación ao desenvolvemento que está de Erasmus en Utrecht (Holanda), ademais de poeta e gañador do primeiro premio de poesía FDG.
—¿Como chegou a Florencio?
—Florencio formaba parte do decorado no que vivía; a biblioteca do Barco —que leva o nome do poeta de Córgomo— está a menos de 500 metros da miña casa. Eu lin todos os libros da biblioteca e houbo un momento polos 15 ou 16 anos nos que empecei unha labor máis autónoma de ir á documentación. E coñecendo a Florencio é imposible non namorarse del. Son un pouco friki de Florencio, como todos os que andamos neste ano das Letras.
—E todo o que sabe agora vaino divulgar.
—Queremos contribuír a esta narrativa que estamos construíndo sobre Florencio. Ademais, temos unha oportunidade moi boa, porque hai autores que chegan ás Letras con máis recoñecemento previo, pero no caso de Florencio esa labor tivo que vir desde abaixo e é relativamente nova. No ano 1999, que eu aínda non nacera, xa saíra o libro de Ricardo Gurriarán e iso é unha cousa fundamental; pero agora busco co pódcast darlle unha linguaxe cos códigos un pouco máis frescos, para a xente nova, para podernos localizar, entender quen é Florencio, nun aspecto menos académico e máis no día a día. Quero poñelo no centro, aportando unha visión moderna que non sexa folclóricamente interesada como algunhas outras.
—Doce pódcast, ¿cal vai ser o fío?
—O primeiro episodio é unha biografía a vista de paxaro, con Eilún do Pazo, gañadora do terceiro premio de poesía FDG. Haberá poetas invitados en todos os números. Máis adiante teremos contidos máis especializados entendendo as vertentes de contribución e compromiso político de Florencio: a súa labor toda, o seu periplo para chegar ao exilio, o seu regreso cando toque a España, e, en xeral, aportar datos cotiás mesturados coa realidade e o traballo de Florencio para entender a un home de moitos nomes diferentes e moitas habilidades tamén moi diferentes.
—A idea é que a final de ano todo o mundo saiba quen é Florencio.
—O que buscamos é construír a partir deses cimentos unha narrativa que fale do que é: é o poeta do viño, é o poeta de Córgomo, pero máis alá é un home con compromiso. Introducir iso no debate e tamén dar a entender que queda Florencio para moito rato. O traballo que se leva facendo durante anos continúa no tempo e vai ter unha continuidade e unha conexión. Queda moito camiño por diante. Pero a idea é que despois deste ano todos teñamos moi claros eses puntos cardinais e poidamos navegar pola vida de Florencio e entendelo ben e darlle un espazo central na vida cultural galega e valdeorresa.
—¿Queda moito por saber de Florencio, para moitos anos?
—A sorte que temos é que temos moi boa documentación bibliográfica e que precisamente vimos agora encher un espazo dunha falta de representación que houbo, entón claro que temos para este ano, temos Florencio para o ano que vén... E sobre todo temos que Florencio é un autor tremendamente contemporáneo. Eu como persoa de 20 anos e lendo o que este home facía nos anos 20 do século pasado... é unha persoa que está de plena actualidade, que interpela as emocións que sentimos todos nalgún momento da vida e que ademais é unha figura fascinante.
—¿Alguén que escribiu fai un século falando de temas moi actuais?
—Iso é o que penso que fai que Florencio sexa unha figura especialmente relevante. Cando lemos o seu diagnóstico da mocidade de Valdeorras ou as súas análises da paisaxe, a paisaxe sigue estando aí. En moitas ocasión esa postura de mirar o compromiso, eses posicionamentos políticos son de primeira orde. Usando a poesía como ferramenta, Florencio fala de temas que están de plena actualidade, as hipocrisías, as críticas políticas de primeiro nivel. Merece que a súa figura estea espallada.
«O pódcast é un formato que pode consumir a calquera idade: lavando a louza, saíndo do bus ou traballando»
Moral defende que os pódcast sobre Florencio están dirixidos a todo tipo de público.
—O que busca o pódcast é satisfacer a esa persoa que quere situar as coordenadas principais da vida de Florencio e saber do día a día, entendelo un pouco nos termos de hoxe e non clasicamente de ler un documento académico das súas tendencias. E un formato que pode consumir calquera persoa a calquera idade e practicamente a calquera momento, desde lavando a louza, saíndo do bus ou estando no traballo.
—¿Tamén haberá espazo para o propio proxecto, As Letras de Florencio?
—Si. Teremos algún falando reflexivamente do proxecto, da necesidade de relatar quen relata a historia e máis este ano que contamos con esa novidade, que moitas veces cando se elixe un autor simplemente hai un concello detrás, neste caso a iniciativa é cultura de base bastante grande. E iso tamén hai que reflectilo. Florencio camiña a ombreiros de persoas xigantes e neste caso máis.
—Pero algúns duran 40 minutos, moito tempo pensando nos escolares de primaria, por exemplo, ¿non?
—Tamén subiremos clips de ata 5 minutos con información tipo cápsulas para que non haxa ningún escusa para non ter unha conexión con Florencio de aquí ao 17 de maio. Vivimos nun mundo no que se consume todo de forma bastante rápida e tamén hai que saber contar. Eu son dos que escoito os pódcast enteiros un detrás de outro, pero queríamos facer algo que fose adaptable e que fose destinado a todo o mundo. Hai xente que por cousas tampouco pode acceder á compra de libros e tamén entendo que moitas veces cando buscamos sobre un autor vemos unha sobrecarga de información e non sabemos o que é importante... Buscamos dicir ‘por aquí camíñase, chégase a bo camiño e enténdense as cousas de Florencio de forma accesible para todos e rápida’.