Jorge Moral: «Florencio Delgado Gurriarán é un autor tremendamente contemporáneo»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO / LA VOZ

CULTURA

Moral coa estatua de Florencio feita por Anxo Baranga
Moral coa estatua de Florencio feita por Anxo Baranga ANDREA F. MANEIRO

O barquense fará pódcast sobre o protagonista do Día das Letras

31 ene 2022 . Actualizado a las 11:52 h.

Cando un autor é elixido para o 17 de maio comezan a xurdir as iniciativas para dalo a coñecer. Reedítanse as súas obras, publícase algunha que estaba sen ver a luz, aparecen traballos académicos de análise da súa figura e dos seus textos, fanse obras de teatro ou concertos conmemorativos... Son recursos habituais que de seguro van pasar tamén neste 2022 coa figura de Florencio Delgado Gurriarán, pero desde As Letras de Florencio, o proxecto que impulsou a súa candidatura ante a Real Academia Galega para o Día das Letras, quixeron dar un paso máis e buscar un formato máis actual. Xurdiu a idea de facer un catálogo de 12 pódcast —de entre 20 e 40 minutos de duración— que se irán publicando (en Ivoox e Spotify, ademais de nas redes sociais e na web asletrasdeflorencio.gal) de aquí a decembro, o último domingo de cada mes. Detrás da iniciativa está Jorge Moral (O Barco de Valdeorras, 2000) estudante de Socioloxía, relacións internacionais e cooperación ao desenvolvemento que está de Erasmus en Utrecht (Holanda), ademais de poeta e gañador do primeiro premio de poesía FDG.

—¿Como chegou a Florencio?

—Florencio formaba parte do decorado no que vivía; a biblioteca do Barco —que leva o nome do poeta de Córgomo— está a menos de 500 metros da miña casa. Eu lin todos os libros da biblioteca e houbo un momento polos 15 ou 16 anos nos que empecei unha labor máis autónoma de ir á documentación. E coñecendo a Florencio é imposible non namorarse del. Son un pouco friki de Florencio, como todos os que andamos neste ano das Letras.

—E todo o que sabe agora vaino divulgar.

—Queremos contribuír a esta narrativa que estamos construíndo sobre Florencio. Ademais, temos unha oportunidade moi boa, porque hai autores que chegan ás Letras con máis recoñecemento previo, pero no caso de Florencio esa labor tivo que vir desde abaixo e é relativamente nova. No ano 1999, que eu aínda non nacera, xa saíra o libro de Ricardo Gurriarán e iso é unha cousa fundamental; pero agora busco co pódcast darlle unha linguaxe cos códigos un pouco máis frescos, para a xente nova, para podernos localizar, entender quen é Florencio, nun aspecto menos académico e máis no día a día. Quero poñelo no centro, aportando unha visión moderna que non sexa folclóricamente interesada como algunhas outras.