«Francisca», a paixón portuguesa segundo Oliveira

Miguel Anxo fernández

CULTURA

Fotograma do filme de Manoel de Oliveira «Francisca».
Fotograma do filme de Manoel de Oliveira «Francisca».

Catro decenios despois de ser filmada, a película chega á súa estrea comercial en España cunha copia restaurada en 4K promovida pola Cinemateca Portuguesa

29 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Pola súa vixencia catro décadas despois, aprópiome do mesmo título que o portugués Eduardo Lourenço deu á súa crónica, despois da estrea de Francisca en Cannes, en maio de 1981. Engadía tamén que estaba diante do «mais belo, sumptuoso e delicado filme do cinema português», afirmación sen dúbida vixente catro décadas despois, na súa estrea comercial en España, cunha copia restaurada en 4K, promovida pola Cinemateca Portuguesa. Certo que, nos anos posteriores, puido apreciarse en sesións de filmotecas, e mesmo se estreou no Carballiño en agosto de 1984, nas primeiras Xornadas de Cine en colaboración co Instituto do Cinema Portugués, pero é agora cando xa a dimensión de Manoel de Oliveira (1908-2015) é inapelable no contexto da historia universal da sétima arte grazas a un estilo singular inimitable, ben condensado aquí e que xa anticipara no seu anterior filme, Amor de perdiçao (1980).

Sobre a novela de Agustina Bessa-Luís (1922-2019), cun inequívoco ar de Byron provinciano, que o mesmo Oliveira adapta, recreando a rivalidade de paixón e amores entre José Augusto e Camilo Castelo Branco pola bela Francisca. Son uns ambientes politicamente convulsos os do século XIX que a cinta trata cunha coidada dirección de arte e amplos medios de produción, quizais os maiores mobilizados no país, rodando en quintas e espazos reais portuenses, e algún decorado engadido.

Alén do inevitable remate tráxico como corresponde a unha trama romántica —«a alma é um vicio», afírmase unha personaxe—, é na estrutura e no modo de colocar a cámara, tamén no ritmo cadencioso, onde agroman as esencias máis singulares do modus oliveirano. O centenario autor do Porto, que sempre confesou a súa querenza polo cine primitivo, ofrece a trama por cadros (mesmo usando cartelas introdutorias) con maneiras que beben das fontes do teatro (por veces os personaxes, declaman), con diálogos ricos en significado e un frenesí de luces, sombras e cores, nunha experiencia mergulladora, sensorial, máis gozosa, se cabe, sobre a pantalla grande dunha sala escura.