Justo Beramendi: «O obxectivo do Museo do Pobo galego é amosar a identidade de Galicia»

Monste García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O presidente do padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi.
O presidente do padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi. Paco Rodríguez

O presidente do padroado da institución explica que a previsión é completar nun prazo de dous anos o relato histórico do museo, ata chegar á actualidade, pero aínda falta a financiación para os dous últimos séculos

29 ene 2022 . Actualizado a las 05:10 h.

Completar o relato museográfico da Historia de Galicia desde o paleolítico ata a actualidade nun par de anos. Ese é o obxectivo do Museo do Pobo, destaca o presidente do seu padroado, Justo Beramendi, despois de abrir esta semana as salas ata o reino suevo. Iso si, logralo pasa por acadar o financiamento preciso: «O que temos garantido hoxe é chegar ata o século XVIII».

-Por que era preciso facer estas salas facendo un relato da historia de Galicia?

-Este é o Museo do Pobo Galego, que ten un presente e un pasado. Cando o fundamos —o padroado no 76 e as salas inaugurámolas no 77—, xa no noso programa estaba que o museo debería ter dúas dimensións. Unha fundamental, que era a etnográfica, porque toda a cultura galega popular e tradicional estaba desaparecendo a velocidades vertixinosas naqueles anos. Pero non era só o que o pobo nos seus aspectos máis tradicionais vivía e facía, senón tamén o que fixeron as elites —que tamén eran galegas— no pasado, para ver cales foron as orixes e a evolución no tempo desa cultura actual. Como sempre estivemos escasos de recursos —non só tiñamos que instalar o museo, senón antes rehabilitar o edificio—, fomos avanzando moi lentamente. Durante os 20-30 anos primeiros do museo, tiveron que empregarse en completar a parte etnográfica dese programa. Aínda así, como non queriamos ter aparcada completamente a sección de historia, xa a creamos nos primeiros anos, que logo acabou decaendo; e tamén organizamos congresos e exposicións de tipo histórico, como foi a de Rosalía, Castelao, Galicia, en 1985, ou a que se fixo en homenaxe a López Cuevillas sobre prehistoria, para a que se fixeron moi boas maquetas, algunhas que aproveitamos agora.

-Pero aínda tardarían en chegar esas salas.

-Cando xa podiamos abordar a parte histórica, atopamos dúas cuestións. Unha, a falta de espazo, porque o edificio conventual estaba case completo. A segunda, e máis importante, é que cando se creou a Cidade da Cultura, dentro do programa inicial había un Museo de Historia de Galicia. Entón, aparcamos o noso proxecto. Cando decaeu a idea do Museo de Historia de Galicia, nós retomamos o proxecto. Despois, cando por iniciativa da Xunta, o Consorcio de Santiago fixo unha rehabilitación integral da ala sur, aí xa dispoñiamos dos espazos suficientes. Anos antes disto, montaramos unha comisión con membros do padroado, que foi elaborando o relato desas salas de historia. Despois, o Consorcio financiou o proxecto museográfico de todas as salas, desde o paleolítico inferior ata agora. Coa ala sur rehabilitada, co proxecto museográfico feito e as primeiras subvencións da Xunta para instalar as salas, foi cando empezamos. No 2020, aportou 200.000 euros para iso; no 2021, outros 200.000; e neste 2022 están orzamentados 100.000 máis. Pero cos 400.000 primeiros euros puidemos montar as salas desde o paleolítico ao reino suevo e, a maiores, adquirir os once audiovisuais que van en todas as salas. A parte diso, fixemos xestións coas Deputacións porque todas as salas son 1.200 metros cadrados de exposición permanente, e iso supón entre 1 e 1,2 millóns de euros. Entón, a Deputación da Coruña asinou un convenio polo que subvenciona con 150.000 euros a sala medieval, que xa estamos traballando nela e que imos inaugurar a finais do primeiro semestre deste ano. E cos 100.000 euros da Xunta poderemos avanzar na época moderna.

-Na inauguración afirmaba que máis aló das pezas, o obxectivo é ofrecer unha idea clara de cal é a evolución da historia de Galicia.

-Este é un museo que desde o principio o que pretende é preservar, afirmar e investigar o que é a identidade propia de Galicia —tanto o que é hoxe como o que foi no pasado—, e difundilo dunha maneira didáctica de xeito que o visitante do museo poida absorber esa idea que nos queremos transmitir. Isto quere dicir que a mensaxe ten que ser clara e sinxela, porque se é complicada e moi longa, non chega. Por iso, o formato que teñen estas salas de historia non é o dun museo arqueolóxico, máis orientado a eruditos, especialistas..., senón que aposta por un relato sintético, sinxelo e claro para o cidadán común. Polo tanto, o primeiro labor que tivemos que facer foi seleccionar o que era imprescindible que estivese presente, o que era máis importante do que foron os poboadores da terra galega nas diversas épocas da historia. Non é unha labor doada, porque é moito máis o que hai que descartar que o que se pode incluír. Logo hai un segundo condicionante xa que este non é un edificio feito ad-hoc para un museo, senón que se trata dun edificio histórico que se fixo para outras cousas e, polo tanto, os espazos das salas non son totalmente acaídos e hai que adaptarse a eles. E, en terceiro lugar, despois de seleccionar, hai que sintetizalo e traducilo a unha linguaxe didáctica. O formato é que haxa moi poucos textos, pezas significativas —pero non está centrado nelas—, maquetas ou réplicas e, principalmente, audiovisuais, que é o vehículo pola que a mensaxe de conxunto vai penetrar mellor no público actual.

-Alude aos museos arqueolóxicos, que achegan distinto ou a maiores estas novas salas?

-Desde o punto de vista académico nada, porque non é a súa función. Aporta desde o punto da vista da difusión do que é e do que foi a identidade propia de Galicia. Aí si aporta. Un visitante que vaia os museos arqueolóxicos de Lugo, de Pontevedra ou da Coruña, e ve os torques, pero veos descontextualizados, polo tanto a idea que saca de aí é outra. Ademais, ve torques pero non ve románico, nin cuestións do XIX. Sen embargo, aquí verase un relato que empeza no principio e acabará na actualidade, e polo tanto, é algo distinto.

-O reto é completar este relato en dous anos?

-Iso é unha hipótese que non sei se se verificará. O que temos garantido hoxe é chegar ata o século XVIII, porque temos os cartos para chegar. Agora, completar co XIX e o XX, que son que máis «chicha» teñen desde o punto de vista da identidade, iso depende de que consigamos os recursos que faltan. Eu confío en que uns e outros poidamos acadalos e completar a serie en dous anos. Confío, pero non podo aseguralo.

-Con esta Historia de Galicia, quedaría completado todo o que se quería que fose o Museo ou aínda restarían máis propostas?

-Si, porque o outro aspecto que estaba no programa, que foi que o museo non fose un cemiterio de obxectos, senón que fose unha entidade que investigase e interviñese nos problemas, xa o viñemos facendo desde o principio. Xa organizamos xornadas e tamén se creou o Instituto de Estudos das Identidades, que programa de xeito bianual foros que tratan de problemas actuais do país, que logo se publican en libros. Este aspecto da investigación si estivo presente. Que quedaría despois das salas de historia de Galicia? Iso quedaría para os meus sucesores. Igual quedaría, que xa estivemos reflexionando sobre iso, reformular o relato etnográfico porque, se cadra, está demasiado compartimentado. Xa elaboramos outro relato máis integrado que significaría unha revolución total das estruturas da salas.