A Biblioteca de Galicia acolle unha exposición en homenaxe a Reimundo Patiño

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

EL PINTOR REIMUNDO PATIÑO
EL PINTOR REIMUNDO PATIÑO No disponible

Ata o próximo 10 de maio, poderá visitarse no Gaiás esta mostra que fai un percorrido  polas facetas do pintor coruñés

29 ene 2022 . Actualizado a las 23:32 h.

A Biblioteca de Galicia unaugurou unha exposición en homenaxe a Reimundo Patiño polo Día da Ilustración. Ata o próximo 10 de maio, poderá visitarse no Gaiás a mostra que fai un percorrido polas facetas do autor e pintor coruñés, con especial fincapé na banda deseñada, eido no que é considerado un dos pioneiros en Galicia.

A exposición conta con ao redor de 40 pezas entre distintas reproducións e exemplares relacionados coa súa obra.Artellase en seis seccións, enfocadas no traballo do artista no ámbito da ilustración, da pintura, da literatura e da banda deseñada. Con respecto a este último campo, durante o acto de inauguración, o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou a importancia de pór en valor a Reimundo Patiño «como un dos pais desta disciplina en galego cun estilo e unha linguaxe artística moi persoal, expresionista, informalista e surrealista», ademais de sinalar que se trata «dunha das figuras da pos-guerra mais importantes para a nosa cultura, impulsor do colectivo Estampa Popular Galega e coautor do primeiro álbum de cómic na nosa lingua».

Na inauguración tamén estiveron os comisarios da mostra, Daniel Buján e Noelia Báscuas, xefa do Servizo da Biblioteca de Galicia. Ademais, interviu Laura Romero, presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), entidade que colabora coa exposición, e tamén asistiu a diretora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

Percorrido pola exposición

Nas vitrinas instaladas no vestíbulo da Biblioteca de Galicia atópanse exemplares como o de 2 viaxes, o primeiro álbum de cómic editado en galego, lanzado por Reimundo Patiño xunto co Xaquín Marín. Grazas ao Museo Carlos Maside tamén se expoñen as reproducións dixitais dalgunhas das 12 serigrafías que compoñen o cómic mural O home que falaba vegliota, considerada a obra fundacional da banda deseñada galega.

A mostra complétase con catálogos das súas exposicions, ilustracións e monografias en revistas, así como distintos textos como prólogos ou artigos que o autor realizou como teórico (revistas Vieiros e Grial ou xornal La Noche). Entre este material destacan os seus limiares na revista Cuadernos da Gadaña. Entre outras pezas, tamén se pode contemplar unha edición de Bandeiras Neboentas, un libro póstumo de poemas, publicado en 1992, que reflicte a súa faceta menos coñecida.

Ademais, participan nesta iniciativa catro artistas (Alberto Díaz, Aarón Moucho, Sandra Lodi e Andrea López) que realizaron especialmente para esta homenaxe cadansúa ilustración na que amosan a súa visión persoal do artista.