Florencio Delgado Gurriarán reclama a súa presenza na oferta editorial

La Voz OURENSE

CULTURA

O escritor Florencio Delgado Gurriarán.
O escritor Florencio Delgado Gurriarán. RAG

As novidades inclúen a reedición das súas obras e estudos sobre o poeta

27 ene 2022 . Actualizado a las 13:56 h.

Non foi un camiño fácil. Recuperar a figura e a obra de Florencio Delgado Gurriarán (Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, 1903-Fair Oaks, California, 1987) era un sentimento na súa comarca de Valdeorras e As Letras de Florencio botou a andar como unha plataforma para reivindicar ao seu poeta no 2016. Foron moitas as actividades e grandes os esforzos para conseguilo, obxectivo que se acadou ao decidir a Real Academia Galicia que o avogado e poeta fose o novo homenaxeado do Día das Letras.

E, como non podía ser doutro xeito, nas mesas de novidades das librarías están reclamando o seu espazo as achegas á figura e á obra do autor de Galicia infinda. Editoriais como Galaxia e Xerais xa avanzaron as súas primeiras publicacións sobre, ou arredor, do protagonista das Letras Galegas 2022. Iniciativas ás que se están a sumar outro tipo de edicións e traballos.

Reedición das súas obras

Tres son os títulos de Florencio Delgado Gurriarán que Galaxia inclúe nas novidades do primeiro trimestre do ano. Segundo se anunciou por parte da mesma Bebedeira, Galicia infinda e O soño do guieiro son as publicacións que se reeditarán neste comezo da festa da cultura galega dedicada ao de Córgomo.

Tamén aportará unha contribución ao coñecemento do escritor unha das persoas que se teñen significado na súa reivindicación dende hai anos: o ex presidente da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero. A encomenda de Galaxia pasa por complementar as obras que axudarán a «afondar no coñecemento da súa obra» cun volume, que coordinará Alonso Montero, e que ademais de servir para achegarse á vida de Florencio Delgado Gurriarán «ofrecerá tamén unha antoloxía da obra do autor homenaxeado».

Outro dos textos recuperados para a celebración deste ano é unha das obras que mellor se ten achegado á figura do protagonista das Letras Galegas 2022 ao vir dun dos familiares do autor homenaxeado. Ricardo Gurriarán publicou no seu día o libro Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista e recuperar este traballo é un dos proxectos que se ten marcado Galaxia para o primeiro trimestre do ano.

Dende Xerais xa se conta con dúas propostas vencelladas á figura e á obra de Florencio e as mesmas chegan ás librarías asinadas por Héctor Cajaraville e Miro Villar. A obra deste último toma a súa base dun amplo artigo escrito para a revista Raigame no ano 2006. En Florencio Delgado Gurriarán: vida e obra dun poeta no exilio mexicano, Villar achégase a un creador que, a pesares de contar con pouca obra publicada, «elabora de maneira consciente un proxecto dunha poesía que poderiamos denominar exteriorista, dado que se trata dunha poesía de ampla temática na que se inclúen todos os feitos históricos vividos, ben como protagonista, ben como espectador de privilexio», segundo sinalaba o autor no artigo referenciado. Villar destaca da obra do poeta valdeorrés aspectos como a linguaxe cotiá, o dominio das técnicas versificadoras e unha capacidade léxica abraiante.

Achegarse ao público infantil

Pola súa banda, Héctor Cajaraville publica con Xerais Florencio Delgado Gurriarán. Polos vieiros da saudade, un texto con vocación de achegar a figura do valdeorrés ao público máis novo. O libro, que forma parte da colección Merlín, conta con ilustracións de Antía Antepazo e está dirixo a un lector de idades a partir de 11 anos. O traballo de Cajaraville incorpora poemas do propio escritor, fotografías e fragmentos da súa produción poética.

O mesmo público é o destinatario da proposta do colectivo Polo Correo do Vento, que xa teñen nas librarías o título Florencio Delgado Gurriarán, de Valdeorras a México. Terra a nosa! A publicación de Lela Edicións é unha biografía adaptada para o público infantil. Como fixeran con anterioridade con autores aos que se lle ten dedicado as Letras Galegas, caso de Fraguas ou Xela Arias, a asociación busca levar aos escolares as claves e a información necesaria para coñecer mellor ao escritor que honra este ano o 17 de maio.

Xunto a un calendario de actividades complementarias á publicación, tamén se desenvolverá un programa de contacontos sobre Delgado Gurriarán.

Valdeorras ultima un programa para lembrar ao autor

Aos poucos, con actividades continuadas e proxectos imaxinativos, sen afrouxar nunca, o movemento As letras de Florencio foi traballando durante anos... ata que chegou o momento da ledicia, polo obxectivo conseguido, e a preocupación polo traballo e a responsabilidade vencellada á decisión da RAG. O proxecto rematou por se converter nunha fundación e foron recollendo apoios institucionais, como o da Deputación de Ourense, para facer do 2022 o ano do escritor valdeorrés que rematou desenvolvendo a súa carreira literaria no exilio mexicano. Ese movemento, o dos galegos acollidos e os proxectos que se crearon no país —entre outros, as revistas Saudade e Vieiros, ou organismos como o Padroado da Cultura Galega en México—, é un legado que tamén se reivindicará na festa das Letras Galegas deste ano.

Dende Valdeorras están a ultimar as actividades que se desenvolverán na honra ao poeta. O día 7 de febreiro a Real Academia Galega desvelará onde se celebrarán as actividades do 17 de maio e a xornada anterior, o 6, Sheila Patricia ofrecerá no Teatro Lauro Olmo de O Barco o concerto titulado Galicia infinda. Homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán.

Algunha das propostas que xa se coñecen foron anunciadas cando se fixo público o acordo de colaboración coa Deputación de Ourense. Entre as mesmas, figuran a rodaxe dunha longametraxe e unha curta sobre o autor homenaxeado. A película é un proxecto que contará con Domingo Díaz como director. O realizador do documental O desafío do Sil —sobre a creación das presas hidroeléctricas no río— levará á pantalla a vida e o legado do valdeorrés. Aser Álvarez, da produtora Arraianos, será o responsable do traballo en formato documental.

Outras iniciativas, tamén en colaboración coa Deputación de Ourense, pasan por crear unha sinalización específica no Camiño de Inverno e pola elaboración de materiais para divulgar a Florencio Delgado Gurriarán nas aulas.