Revivindo en directo álbums que marcaron a historia da música galega

L. R. LA VOZ / REDACCIÓN

CULTURA

Pilocha e Miro Casabella, posando cos discos que evocarán nas súas actuacións no teatro Colón.
Pilocha e Miro Casabella, posando cos discos que evocarán nas súas actuacións no teatro Colón. Torrecilla

O ciclo «Pioneirxs da música galega» leva ao teatro Colón dous concertos nos que se recuperará o que pode ser considerado o primeiro disco de jazz-fusión galego, «Pilocha» (1978), e un dos primeiros de canción de autor, «Ti, Galiza» (1977), de Miro Casabella

27 ene 2022 . Actualizado a las 20:05 h.

Recuperar as raíces. O ciclo Pioneirxs da música galega revivirá, en concertos en directo, álbums que marcaron a historia recente da música galega. Serán actuacións únicas que recuperarán repertorios dos anos 1977 e 1978 de discos tan singulares como Pilocha, da cantora que actúa baixo este mesmo nome artístico, e que pode ser considerado como o primeiro álbum de jazz-fusión galego, e Ti, Galiza, de Miro Casabella, e que supón un dos primeiros traballos de canción de autor en lingua galega.

Os recitais celebraranse no coruñés teatro Colón o sábado 12 de febreiro, con Pilocha, e o sábado 5 de marzo, con Miro Casabella. As entradas serán de balde previa retirada a través da web do mesmo recinto. «Esta é unha oportunidade histórica para recuperar, e mesmo coñecer, a música feita en galego na década de 1970, que foi unha etapa crucial nosa música e que, dalgún xeito, supuxo o cerne do gran momento musical que se está vivindo actualmente no país», asegura Xurxo Couto, responsable da área de cultura da Deputación da Coruña, que promove a iniciativa.

Pilocha e Miro Casabella subirán ao escenario con candansúa banda para interpretar os seus respectivos discos íntegros, recuperando os repertorios orixinais mais con arranxos actuais e con colaboracións únicas, según detallan fontes provinciais. Concertos que permitirán comprobar a vixencia destes dous traballos musicais, cada un no seu estilo, como xeito de reivindicación do seu papel decisivo do novo rumbo da música de autor galega ata os nosos días (Miro Casabella), e do que foi o jazz-fusión galego (Pilocha).