Quen foi Pepe Velo?

CULTURA

28 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Así chamaron sempre a aquel cidadán de Celanova que tiña como nome de pía Xosé Velo Mosquera e que morreu no exilio, en São Paulo (Brasil), o 30 de xaneiro de 1972; fará pasado mañá 50 anos. Cómpre celebrar o cincuentenario do seu falecemento porque a súa vida é dunha riqueza mesmo quixotesca, e está ateigada de acontecementos sorprendentes. No ano 2000 Antonio Piñeiro, tamén celanovés, publicou unha biografía moi útil daquela, e agora Aser Álvarez González prométenos varios traballos sobre aquel poeta, profesor, activista, revolucionario e extraordinario orador. Cegou coa súa vibrante elocuencia, en Bos Aires, no primeiro Congreso da Emigración (1956), onde o aplaudiron, entre moitos outros, Francisco Comesaña e Xosé Neira Vilas, que máis dunha vez me falaron daquel Demóstenes ourensán.

Era dono das palabras, que manexou tamén, con notorio éxito, na máis grande e espectacular ocasión da súa vida, cando, o 22 de xaneiro de 1961, un grupo de antifascistas españois e portugueses asaltaron e tomaron o barco Santa María, que facía a ruta La Guaira (Venezuela)-Vigo. O ideólogo da insólita acción foi Pepe Velo, coa que logrou que, durante moitos días, o mundo enteiro tivese moi presente que España e Portugal estaban gobernadas por tiranías fascistoides. Aquel aventureiro galego quitoulle o sono ao mesmísimo presidente dos Estados Unidos J. F. Kennedy. Pepe Velo e os seus acolléronse ao asilo político que lles ofreceu o presidente progresista brasileiro Janio Quadros. En São Paulo reside Víctor Velo, o seu segundo fillo, que, moi novo, participara no asalto do Santa María, o barco bautizado pola cineasta Margarita Ledo Andión Santa Liberdade nun filme que convén revisitar.

Cónstame que Aser está moi interesado pola obra poética de Velo, sobre a que se sabe pouco. En 1980, Rosalía Paz Noya, falecida no 2008, exhumou un valioso manuscrito. Esta lagoa quizais se emende co material literario que acaba de legar á Deputación de Pontevedra, coa mediación de Aser Álvarez, Víctor Velo. Cómpre sinalar que as fillas de Paz custodian documentación moi útil para futuros traballos.